Cantar en Ferrol (VI)

por siro

FERROL

08 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

En Ferrol cantouse tanto e tan ben, que nin lembro os nomes de todos os que merecen ser citados, nin, aínda que os recordase, tería espazo para facelo. ¿Cantos excelentes conxuntos non xurdiron na cidade, nos anos sesenta, interpretando as cancións do trío mexicano Los Panchos e doutros grupos sudamericanos como Los Paraguayos, daquela de actualidade? Despois de Los Zafiros, dos que xa falei, o primeiro que me ven á memoria é o conxunto Sombras, con Maruchi Rodríguez, Quique, Jorge Juan e Miguel Corral. Gañaran un Desfile de Estrellas de ámbito galego, no teatro Rosalía de A Coruña. Despois do éxito, Maruchi quixo facerse profesional e marchou a Barcelona, onde formou con dous rapaces o trío Los Colonos. Puidemos velos en Ferrol, nunha verbena do Mantón, no Parque Municipal.

Outro trío boísimo foi Los Príncipes, composto por dous rapaces da Graña: Joaquín e Paquito, fillo de Gumersindo o dos estaleiros, e Fernando, que era de Ferrol. Tamén recordo o trío Bohemios, con Mella, Vituco e Jorge Juan; e o dúo Los luceros, formado por Guillermo e Ferreiro, que logo se adicou á fotografía co nome de Joss. Moito despois apareceron Los tres del Castillo, que durante anos se adicaron á música profesionalmente.

Importantísima foi a Agrupación Armonía, que naceu no ano 1959 a partir dun programa radiofónico patrocinado por Gaseosas Aullón e dirixido por Juanito Malde, no que participaban artistas locais interpretando cancións ferrolás. Co coronel Auz na presidencia, Juanito Yáñez na secretaría e Malde na dirección, formouse unha formidable coral con Pepín Rey, Orozco, Portita, Saavedra, Guillermo Reimúndez -un estupendo tenor que fora finalista nun certame celebrado en Madrid, con participantes de toda España-, Chucho Castro, Jorge Juan, Fojo, Andrés Auz, Pedro Corral e o fillo Miguel, Moncho Torres, que era capitán do exército... Tamén había dúas mulleres: Morocha e Elisa, e dous nenos: José Manuel Couce Fraguela e José Manuel Ferreiro Castrillón, que tempo despois formarían o dúo Josman.

Entre os artistas que actuaban nos concursos radiofónicos e subían aos escenarios do Jofre, Rena, Madrid París ou Salón Valencia, fago memoria de Marinita Vigo, Teresita Romero, Germán Vilela, Carlos López Chuchas, Luis, o fillo de Caaveiro, coñecido por El Santo, e a José Romero Pazos, a quen Benito Vázquez bautizou en Radio Ferrol como El andaluz de Narón. Pero entre todos, gardo un recordo especial de Pola Cunard, que chegou a vedette de revista nos espectáculos do Teatro Argentino, Radio Teatro, e cabarets como El Molino, de Barcelona. Coido que aquela nena, que o pai se empeñou en facer artista, tiña tanta vocación de vedette como de monxa de clausura. Non cantaba demasiado ben, nin tiña moita gracia, pero era dócil e facía o que lle mandaban. Eu vin ao pai na porta do teatro Jofre, repartindo octaviñas que dicían: «Vote a Pola Cunard para el premio de la simpatía». Pochola, que así se chamaba cando era veciña de José Torregrosa nas Casas Baratas, era unha nena boa que anunciaba o corpo escultural, que marcou o seu destino. Eso si, demostrou intelixencia ao se retirar no ano 1982, en El Molino, en plenitude de beleza e de éxito.

sirolopezlorenzo@yahoo.es