A Semana Santa..., ¿só representación?

Antonio R. Basanta

FERROL

16 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Estamos ás portas das celebracións relixiosas máis importantes do ano. En moitos pobos e cidades encheranse as rúas de xente que van contemplar o espectáculo das procesións, seguro que moita máis que nas igrexas, onde se celebra a liturxia da paixón, morte e resurrección de Xesucristo.

Na nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol non faltan as representacións destes acontecementos que marcaron o nacemento do cristianismo. As máis importantes, pola súa historia, tradición e beleza, son, sen dúbida, as de Ferrol, Viveiro e Mondoñedo. Basta observar as persoas que se moven estes días en torno aos preparativos. Mesmo chama a atención que a xente nova, tan reticente para participar na liturxia e nas actividades das parroquias, acuda case masivamente e moitos deles sexan protagonistas nestes eventos da relixiosidade popular.

Sen embargo, un pregúntase: ¿por que este poder sedutor das procesións da Semana Santa? ¿Como é posible que atraian tanto estas manifestacións externas e, pola contra, a liturxia que se celebra estes días nas igrexas, tan rica en simbolismos e contidos, non teña un reclamo similar? O que aínda chama máis a atención é que moitos dos que contemplan e participan nas procesións só se que quedan niso: representar, «procesionar», ver, curiosear? sen apenas celebrar.

Certamente para moitos é a única ocasión para vivir unha experiencia relixiosa, mesmo con carga emocional, ante unha imaxe ou un paso que representa o drama dun Deus que asumiu a nosa condición humana ata as últimas consecuencias.

É isto suficiente? Sinceramente penso que non. A fe cristiá non se pode quedar nunha expresión relixiosa ocasional. As confrarías e irmandades que manteñen vivas estas tradicións con tanto empeño e desvelos, tiñan que ser, seguro que en máis dun caso, o referente dunha fe cristiá máis auténtica e eclesial que teña como pauta o evanxeo de Xesucristo, testemuñado na fraternidade (iso significa «confraría» e «irmandade») e a solidariedade cos máis necesitados. Vénseme a memoria aquilo de Xoán Paulo II, que vai ser beatificado próximamente: Ante os casos de necesidade, non se debe dar preferencia aos adornos superfluos dos templos e obxectos preciosos do culto divino; ao contrario, podería ser obrigatorio enaxenar estes bens para dar pan, bebida, vestido e casa a quen carece disto (SRS 31).

O bispo da diocese, Mons. Sánchez Monge, na súa Carta pastoral As confrarías e irmandades penitenciais no terceiro milenio (febreiro 2009), na que traza unhas liñas de renovación e autenticidade, resumiu en poucas palabras o camiño a seguir: É necesario recuperar a Semana Santa en toda a súa verdade. Velaquí un reto que non podemos eludir.