Cantar en Ferrol (II)

por siro

FERROL

En Ferrol cantouse sempre. Aínda quedan ferroláns que recordan as comparsas percorrendo a cidade durante o Antroido, e cantando cousas que aludían a acontecementos do ano, como: Na igrexa de Dolores eu xa non mexo/ porque cada mexada me costa un peso./ Cóstame un peso, nena, cóstame un peso;/ na igrexa de Dolores eu xa non mexo.

Seica a igrexa de Dolores tiña un oco que invitaba aos noctámbulos a usalo como urinario, e as autoridades perseguíronos e multáronos. Ademais, con bo criterio, tapiaron o buraco.

Máis coñecida foi a cantiga doutra comparsa formada por mozos vestidos como aldeáns de comezos de século, con zocos de madeira que facían moito bruído ao pisar, e cantaban: Indo pola rúa Real/ o garda chamounos mocas/ porque iamos despedrar/ a millor rúa coas zocas.

O de adicar cancións humorísticas a ferroláns populares tampouco foi infrecuente. Na rúa Dolores estaba a cerería de Poupariña, con velas para primeiras comunións e a Candelaria, e grande variedade de ex-votos. A Poupariña, que debía de ser requeté, como o seu amigo Mariano, de quen nada sei, cantáballes coa música do oriamendi: Allí viene Poupariña/ con su boina de color/ y le sigue Mariano/ en plan de conquistador./ Cueste lo que cueste/ se ha de conseguir/ que reine el Rey/ en la corte de Madrid.

A tradición mantívose a través dos anos porque, sendo eu neno, Pepe Romero, Patiño, Alberto e algún outro amigo meu cantábanlle a Conchita Ventura, unha rapaza do noso barrio, algo inocente: Porque tiene Conchita Ventura/ una raja en el culo/ que nunca le cura./ Y que nunca le cura/ la raja que tiene en el culo/ Conchita Ventura.

Nos bares cantábase moito e ben. Eu O chollo vin moitas veces a Losada o reloxeiro marcando o ritmo coa guitarra de grupos corais máis ou menos improvisados. E vin a Alberto Martín, Pepe Pazos e París, pouco antes de marchar a Inglaterra para dar a coñecer o trío Los zafiros. Alberto tiña o mellor falsete que escoitei na miña vida, e podía sostelo durante un minuto. Unha noite de verán, acompañados dun grupo de admiradores, fóronlle botar unha serenata a unha rapaza da rúa do Hospital. A rapaza, feliz e emocionada, saiu á ventá cando as voces empezaban a cantar: Flor silvestre y campesina/ Flor sencilla y natural?

Os veciños deixaron as camas para asomarse, a noite trocouse máxica e, no estribillo, o falsete de Alberto Martín semellou vir do ceo. O pai da rapaza non debía de compartir aquela emoción porque lle cortou o falsete pola metade cun peido tremendo. A gargallada colectiva na rúa coincidiu coa fuxida da rapaza para o interior da casa. Supoño que pola mañá fuxiría ao estranxeiro.

sirolopezlorenzo@yahoo.es