A protección do legado


Director Xeral do Patrimonio Cultural

A protección do legado do patrimonio cultural de Ferrol é e será sempre unha prioridade para a Consellería de Cultura e Turismo. Nestas premisas enmárcanse todas as decisións da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural tomando sempre todas as súas decisións baixo criterios técnicos e obxectivos, cumprindo a lei e priorizando a protección, conservación e posta en valor do patrimonio histórico ferrolá. En cumprimento das súas competencias a Dirección Xeral é responsable de velar pola integridade do patrimonio da cidade. Esta liña de actuación orienta a nosa dispoñibilidade para levar adiante unha colaboración frutífera con todas as institucións implicadas en cada caso. Deste xeito, na procura do maior consenso posible na toma de decisións, a Dirección Xeral avalou as súas resolucións na Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Galicia, formada por técnicos da administración autonómica e profesionais independentes de recoñecido prestixio e solvencia. Neste contexto, a Comisión Territorial informou favorablemente a rehabilitación exterior do Centro Cultural Torrente Ballester. Fíxose respecto á proposta de tratamento superficial na fachada traseira e lateral da antiga capela, pero a Comisión Territorial non considerou correcto ese mesmo tratamento para o resto das fachadas no entendemento que o tratamento proposto interferiría na xeometría orixinal e composición arquitectónica das ditas fachadas.

No caso do edificio Ateneo, a Comisión Asesora de Seguimento do Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Barrio da Magdalena, formada maioritariamente por representantes do Concello de Ferrol e por dous técnicos da Xefatura Territorial de Patrimonio, acordou que a rehabilitación do Ateneo debería adaptarse ás determinacións da ficha do inmoble do planeamento especial. Este documento establece como elemento de protección a fachada, e dentro dela os balcóns, ferraxes, reixas, etc. do inmoble. Actuando en resposta a unha denuncia e en cumprimento coas súas obrigas establecidas por lei, a Dirección Xeral decidiu solicitar información ao Concello en relación coas obras autorizadas. Respecto á instalación de mobiliario urbano no Barrio da Magdalena realizado de forma provisional polo Concello de Ferrol, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural orientou a súa actuación a partir do establecido no artigo 8 do Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Barrio da Magdalena. A solicitude de información ao Concello obedece á obrigatoriedade de asegurar que, si ese mobiliario se instala de forma definitiva, o Concello deberá de elaborar un proxecto que necesitará ser aprobado pola Comisión do Plan Especial do barrio da Magdalena e informado pola Dirección Xeral.

No Barrio de Recimil o Concello realizou unha reparación de aleiros e pintado das fachadas, solicitando o permiso necesario á Consellería de Cultura e Turismo cando estas obras xa estaban executadas nun 30%. A Comisión Territorial, debido a que esta actuación ten un carácter reversible, acordou que o Concello debería presentar unha nova proposta na que se contemplara a unificación de criterios de cor en zócalos e aleiros, incluso nos bloques que xa estaban pintados, co obxecto de manter a linealidade visual e evitar a excesiva fragmentación da unidade arquitectónica. O proxecto presentado polo Concello de Ferrol foi aprobado tras incorporar as directrices marcadas pola Dirección Xeral, que nas súas recomendacións lembra que calquera intervención nun ben inventariado precisará da autorización da Consellería de Cultura e Turismo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

A protección do legado