plataforma en defensa da sanidade pública da Área sanitaria de Ferrol, está formada pola sociedade civil organizada que libremente exerce o seu dereito de asociación e reunión, para defender e reclamar unha atención sanitaria de calidade na nosa Área sanitaria, en condicións de equidade coas demais áreas de Galicia.
Poucos requisitos son necesarios para participar nesta plataforma: coincidir na defensa da sanidade pública e dos intereses colectivos do dereito a saúde da poboación do noso contorno. E porqué a plataforma da área de Ferrol, se adhire a SOS Sanidade Pública? Porque a Área sanitaria de Ferrol non é unha illa, tamén está afectada pola decisión do Goberno da Xunta de introducir capital privado na construción de infraestruturas sanitarias.
Unha decisión que multiplica por 6 o seu custo e provoca débedas millonarias durante 20 ou 30 anos, ao ter que aboar canons millonarios pola utilización dos hospitais e centros de saúde. E mentres se decide multiplicar por seis o gasto nuns centros que serán privados, redúcense por segundo ano consecutivo, os orzamentos de sanidade baixo o pretexto de frear o despilfarro económico dun sistema público universal.
Estes orzamentos minorados teñen consecuencias directas na redución do persoal, no funcionamento dos servizos, no investimento e por tanto na calidade da atención sanitaria. No caso da Área sanitaria de Ferrol, o orzamento do ano 2011 dispón de 3 millóns de euros menos para a atención especializada, de 1,3 millóns menos para funcionamento e de 6 millóns menos para a atención primaria. Os orzamentos destes dous anos do goberno popular, paralizaron o Plan Director do Marcide, que, como se sabe, ten unha insuficiente dotación física para atender á demanda de atención especializada e continuar co desenvolvemento das especialidades médicas. Impediron o desenvolvemento do Plan Funcional da Área de Ferrol, que nos permitiría dispor dun Complexo multihospitalario ben dimensionado, reorganizando todos os recursos sanitarios públicos, co uso completo do Hospital Naval, do Arquitecto Marcide e do Novoa Santos, co fin de prestar mellor atención aos 200.000 habitantes dos 20 concellos da Área Sanitaria.
Desapareceron os recursos para o Plan de Alta Tecnoloxía poñendo freo á renovación tecnolóxica iniciada co anterior Goberno e perdéronse 63 millóns comprometidos para axeitar o Hospital Naval ás necesidades asistenciais. Conxelouse o Plan de atención integral á saúde da muller, e borrouse o Plan de mellora de Atención Primaria, que crearía case 100 postos de traballo nesta área sanitaria. Non hai orzamento para ampliar o Centro de Saúde de Serantes, que xa tiña o proxecto construtivo, co conseguinte prexuízo para os usuarios e usuarias da zona rural de Ferrol. Os centros de A Capela e Ares serán entregados a mans privadas, e o mesmo acontecerá cos de Cedeira e Narón...
E volve xurdir o endebedamento do Hospital Arquitecto Marcide, saneado polo goberno anterior, dado que tiña unha débeda de 11,5 millóns. Por tanto, as persoas destes 20 concellos, temos razóns sobradas para sumarnos á convocatoria de SOS Sanidade pública, e acudir a Santiago o domingo 21 de novembro para manifestarnos contra a privatización da sanidade galega. Razóns, que teñen que ver coa nosa saúde e a dos nosos fillos e fillas, porque debemos defender o legado que recibimos e trasladarllo, si cabe, máis fortalecido ás xeracións vindeiras. Agora é preciso saír á rúa na defensa de valores como a solidariedade, a xustiza e a distribución social da riqueza, por iso o domingo vémonos en Santiago para defender a sanidade pública, o servizo público máis prezado. Non faltes!!