O motor económico das comarcas

Manuel Iglesias

FERROL

A Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF) naceu un 28 de xuño de 2005 como entidade sen ánimo de lucro co propósito de impulsar o Plan Ferrol de desenvolvemento socioeconómico das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. As organizacións económicas e sociais das comarcas coincidiron nun mesmo punto: para saír do bache da reconversión naval que desmembrou completamente a actividade económica da zona e deixou na rúa a miles de traballadores, había que reaccionar.

Así, tanto empresarios como sindicatos puxéronse a traballar conxuntamente para deseñar un plan que atendese a todas estas necesidades económicas da zona centrándose sobre todo en tres aspectos fundamentais: dinamizar o sector empresarial e, como consecuencia, crear emprego e dotar ás comarcas das infraestruturas necesarias. Ademais, a nivel estrutural a AIPF tamén foi pioneira con respecto a outras organizacións de España, porque tratábase da primeira asociación en todo o Estado que aglutinaba a sindicatos e patronal colaborando xuntos por un obxectivo común: o desenvolvemento da comarca.

Nesta primeira fase embrionaria, a AIPF, recén constituída, acadou o seu primeiro logro máis salientable que foi incentivar as axudas específicas do Goberno para esta zona, xa que, ata ese momento, as empresas das comarcas podían acceder soamente ás axudas xerais do Ministerio de Industria como calquera outra parte de España. Ademais, a Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF) logrou erixirse e consolidarse como ferramenta indispensable de interlocución entre a administración autonómica e a estatal. A coordinación coas administracións é unha tarefa que leva moitas horas de traballo detrás e que desgraciadamente non sempre se ve nin sae á luz, pero non por iso é menos importante ou efectiva. Precisamente deste traballo coas administracións, a AIPF acadou grandes avances en infraestruturas como o desbloqueo da segunda fase do porto exterior, o respaldo do IGAPE aos proxectos empresariais nas comarcas, a consecución e revisión dos últimos tramos da autovía Ferrol-Vilalba, a VAP Costa Noroeste, o Auditorio de Caranza ou impulsar o polígono de Leixa. En materia de emprego, a asociación acadou incluso un fito, implicando á Consellería de Traballo na coordinación das áreas de emprego e formación para as comarcas e naceu así o Pacto de Emprego.

Nun marco socioeconómico de crise como a que estamos a vivir a nivel estatal e internacional, na que a destrución do emprego estase a producir de maneira devastadora, crear máis de 1.000 postos de traballo grazas á coordinación coa Xunta, considérase un éxito. De non existir o traballo da AIPF habería unha destrución de emprego en Ferrolterra, Eume e Ortegal moito máis dramática, tanto agora como no futuro. Agora, a Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF) ten máis sentido que nunca para seguir loitando para que as administracións cumpran cos obxectivos iniciais do plan e, neste senso, se traballa a reo para acadar o ferrocarril a Caneliñas, impulsar o polígono de Leixa, reducir o desemprego, recuperar o castelo de San Felipe e A Palma ou mellorar os servizos sociais. Nestes momentos, a AIPF atópase en plena negociación para implicar ao ministerio de Fomento nos intereses da organización.

Así está pendente unha entrevista co ministro José Blanco, coa Dirección Xeral de Industria, co responsable Jesús Candil, co delegado da SEPI, Enrique Martínez Robles, e co Delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro para revisar o plan.