Os pequenos comercios de alimentación chámanse en España tiendas de ultramarinos -nome estraño porque nelas nada hai que veña de ultramar- e colmados. En Ferrol aquelas pequenas tendas de alimentación ás que moitísimas familias ían coa libreta, para anotar uns gastos que se pagaban cada fin de semana ou de mes, eran «tendas sen máis». As «tendas de ultramariños» ou «de coloniais» eran as grandes tendas ou almacéns de alimentación, onde tampouco se atopaban produtos que sulcasen o océano, e moito menos dunhas colonias inexistentes.
Dos bos comercios de alimentación que había en Ferrol a comezos dos anos cincoenta quedan algúns, como El Rápido, Amador ou Mundo, pero outros desapareceron. Botas, na praza de Armas; Pita Romero, Bastida, na rúa Espartero; Guillermo, na do Hospital; Cagigao, na do Cárcere; Blanco, na rúa María; Calzonillos, na rúa da Igrexa; o Zoqueiro, ao remate das rúas Fernando VI e Carlos III?
Hai situacións vividas na infancia que non se esquecen nunca. Para min, unha delas foi a primeira vez que entrei en Amador, con cinco ou seis anos. Durante moito tempo tiven aquela tenda como referente do que é un comercio de alimentación bonito e elegante. Tamén recordo ao vello Amador, e aínda que non sería quen de tirarlle unha caricatura, nin un retrato, si podería facerlle un retrato robot, ou recoñecelo nunha foto.
Chamábase Teodoro Amador Cobas, e era o menor dos cinco irmáns, nados do matrimonio formado por un andaluz, músico de Infantería de Mariña e unha galega de Monfero, que morreron case xuntos, cando el tiña tres anos. O irmán maior, que era violinista, responsabilizouse de soster a familia, pero morreu moi novo e Teodoro empezou a traballar como aprendiz nunha tenda de ultramariños que estaba na rúa Magdalena, facendo esquina coa da Terra. Despois pasou á de Rogelio Pardo, onde hoxe está Amador, na que chegou a ser dependiente maior. Cando o propietario morreu, a viúva quixo que el quedase coa tenda e deulle facilidades para pagar o traspaso. Era o ano 1923 e Amador ía demostrar que ademais de saber xestionar un comercio de alimentación, tiña moi claro que non é certo que «o bo pano na arca se vende», polo que deu gran importancia á publicidade.
Empezou apostando pola calidade e a orixinalidade dos productos. No ano 1928 ofrecía faisáns vivos, e pouco despois trouxo de Alemania un tostador de café, o primeiro da provincia. Nacía así Café Amador, publicitado coas letras e os personaxes Pencho e Manolo, deseñados polo seu concuñado Eugenio Charlón, autor de pezas teatrais de carácter festivo. Nunhas festas de Ferrol saíron dous xoves empregados dando vida aos monicreques de Pencho e Manolo, pero ademais Amador tivo durante anos un espazo publicitario no xornal El Correo Gallego, coa colaboración de dous amigos: o médico Antonio Cotobad -pai do tamén médico Carlos Cotobad-, que tiña vocación poética e o mesmo mandaba nos seus versos a Pencho e Manolo a Arabia que a Brasil ou a Colombia en procura do mellor gran de café, e o pintor Carmelo González, que facía as ilustracións.
Outras trécolas publicitarias de Amador foron a repartición de mercadorías nun carro semellante ao das panadeiras de Neda, do que turraba un cabaliño pequeno; contratar nos anos cincoenta a un caricaturista para que debuxase a xente que se achegaba ao escaparate da rúa do Carme, onde algún tempo despois puxo un tití simpatiquísimo, que tivo tanto éxito como o caricaturista.
Amador chegou a ter sete dependentes e un contable. Durante a guerra defendeu o negocio como puido, vendendo menos café que cacahuetes. Pero houbo dous empregados que botaron toda a vida con el: Porfirio, que entrou con 14 anos e se xubilou aos 65, e Gonzalo, que estivo case cincoenta.
O vello Amador tiña sensibilidade artística e, ademais de relacionarse con pintores como Imeldo Corral, Vilela ou Carmelo, tentou aprender a tocar o violín. Non o conseguiu, pero si o seu fillo Miguel Amador, violinista nunha orquestra sinfónica de Holanda, e pintor de éxito. Recordo unha exposición súa no casino, na que ofrecera un pequeno concerto coa muller, que é pianista. Unha delicatessen digna do pai.