Nesta sección dos xornais aparecen poucas mulleres. Cremos que non por falta de valía, se non por falta de recoñecemento público. Coñeciamos a Angelita desde había moitos anos. Parecíanos unha persoa de esquerdas que tiña moito que contar. Cando comezamos a entrevistala para escribir a súa biografía, non nos defraudou en absoluto. Unha vida que, aparentemente, tiña pouco de especial (fronte a outras figuras recoñecidas da comarca), resultou ter moitos matices, ser moi complexa. A súa vida vén sendo un percorrido por case todo o século XX e esta década do XXI. Ángeles Fernández Dopico criouse en Mugardos, nunha familia numerosa na que o pai e a nai se afanaban en darlle unha boa educación dentro das súas posibilidades. Pero esta situación mudou cando ela tiña 11 anos, en xullo de 1936. O seu pai, carabineiro, foi asasinado defendendo a República. A partir dese momento, a familia queda marcada. A súa ilusión de xuventude imponse e fai que supere as dificultades, converténdose nunha muller que traballa na fábrica de lapis e que se namora. Paco Filgueiras foi o seu home. Con el veuse inmersa na loita antifranquista que lle trouxo novos atrancos: clandestinidade, medo, cadea, exilio en Francia? O que puido ser unha vida tranquila de traballo, familia e fillas, non foi posible. Cando por fin, co seu home, puido voltar do exilio á morte de Franco, quedou viúva. Pasa unha etapa de profunda tristeza que supera co traballo na Bazán, e o apoio dos seus. A partir deste momento logra gozar da vida cos netos, viaxando, facendo teatro, sen esquecer nunca o ámbito público e de compromiso político vencellado aos ideais comunistas. Ata que as forzas llo permitiron, participou en actos reivindicativos relacionados coa Memoria Histórica. Só a enfermidade a retivo na casa. Angelita sempre quixo que, á súa morte, a rodeasen as flores. E así foi. Ela morreu, pero está viva. Non porque crera que había outro mundo despois deste, senón porque para as persoas que a coñecemos e a apreciamos, os seus valores, a súa loita, o seu exemplo, fan que viva mentres nós a teñamos na memoria.