Nin cómics, nin tebeos, nin historietas; en Ferrol chamabámoslles chistes, e eran poucos os rapaces que os mercaban e coleccionaban. Os máis de nós alugabámolos nunha das moitas chisterías da cidade. Eu no bochinche de Milina, a nai de Mario e Carlos Villamil; unha muller viuda, moi agradable, que tiña a un lado do mostrador a ampliación dunha foto dos fillos, cando andaban polos seis ou sete anos. Cómpre dicir que en Ferrol o bochinche era unha tenda pequena onde se vendían productos varios, de pouco valor. O de Milina estaba nun baixo da rúa de Carlos III, e tiña no portal un banco de madeira no que sentabamos os nenos a ler.
Con sete anos eu xa tiña definidas as preferencias porque me gustaban El Guerrero del Antifaz, Purk el Hombre de Piedra, e Roberto Alcázar y Pedrín, que me parecían divertidas fantasías; pero anoxaba Hazañas Bélicas, que me facía sentir o horror da guerra. Non obstante eran as publicacións humorísticas como TBO, DDT ou Pulgarcito as que me gorentaban de verdade. Personaxes como Carpanta, Zipi e Zape, doña Urraca, el loco Carioco, o reporter Tribulete, Bartolo el as de los vagos e os da Familia Ulises, entre outros, fixéronme pasar moi bos momentos na infancia. Eu admiraba a Escobar, Vázquez, Peñarroya, Palop, Benejam e demais autores daquelas historietas tan graciosas e ben debuxadas; pero ningún me gustaba tanto como Coll, que facía as máis das veces historietas sen palabras, con personaxes que vivían situacións cómicas e que se movían, viñeta a viñeta, como se fosen de plastilina.
A día de hoxe teño ao catalán Coll -Josep Coll y Coll- como o máis orixinal dos debuxantes españoles no eido da historieta cómica, e coido que non esaxero se digo que nel había algo de xenial. Tamén penso que a xenialidade foi a causa do seu fracaso.
Nacera en Barcelona, no ano 1924, nunha familia de posición económica acomodada, adicada á construción, que quedou arruinada na Guerra Civil, cando o pai tivo que fuxir e os bens lles foron requisados. Con 11 anos empezou a traballar de listeiro nunha canteira, ao tempo que estudiaba mecánica e deliñación na escola de Artes e Oficios. Sen embargo a súa profesión sería a de albanel ata que no 1948 se decidiu a comezar unha carreira de debuxante de historietas, que culminaría na colaboración que durante catorce anos fixo para TBO.
A min e aos meus amigos engaiolábannos aquelas viñetas sen palabras nas que Coll presentaba as insólitas aventuras dos náufragos en illas diminutas, de pescadores de cana no mar ou no río, de exploradores en África, de cacos que fuxían dos policías, e sobre todo de peatóns e conductores nas cidades deshumanizadas. Pero Coll, surrealista, tenro, candoroso, humanizábao todo; mesmo os coches, e chegou a convertir un camión cisterna nunha nai amantísima que amamantaba aos coches pequenos.
A dirección do TBO quería que puxese palabras ás viñetas para que a lectura durase máis, e moitas foron retocadas e empobrecidas. Tamén quería que non fose un debuxante tan persoal, que tentase imitar a Escobar?
No 1964, despois de varios intentos fallidos de publicar no estranxeiro, Coll deixou o debuxo e volveu á construción para ser albanel. Foino durante dezasete anos, ata que no 1981 empezou a colaborar nalgunhas publicacións que apostaban polo cómic. Pero os gustos cambiaran e editores, autores e lectoresos estaban polas temáticas comprometidas. Coll non tiña nada que facer. Sempre fora ledo, extrovertido, con don de xentes; pero daquela sentiuse incomprendido e so.
Endebén, no 1984 publicouse unha antoloxía titulada De Coll a Coll, que supuxo un certo recoñecemento ao seu labor. Fixéronlle entrevistas na prensa e na radio, e ata se gravou outra para emitir na TV. Coll estaba no hotel agardando aquel momento que tería de ser o da súa vindicación; pero o Rei chegou de visita a Barcelona e a entrevista non saiu. Coll non puido aturalo. Meteuse na bañeira cun aparello eléctrico e suicidouse.
É unha historia triste, pero é a verdadeira historia dun home que nos fixo rir moito e ben aos homes e mulleres que fomos nenos e nenas nos anos cincuenta e comezos dos sesenta.