Ultimamente a lagoa da Frouxeira foi o centro de moitos comentarios e denuncias públicas, nas que se opinaba sobre a súa situación actual. En ocasións estas denuncias careceron de todo rigor científico ou mesmo transmitiron unha imaxe falseada sobre este humidal.
Desde a SGHN estamos a realizar censos anuais das aves acuáticas, que son probablemente o valor ecolóxico máis notable desta lagoa. Ademais son moitos os naturalistas que a diario se dedican á observación da vida salvaxe na lagoa.
E os datos dos últimos anos non respaldan algunhas das cousas que se dixeron. Nese sentido as recentes denuncias nas que se afirmaba que a lagoa presentara unhas cifras de invernada de aves moi pobre debido a que estaba «seca» son rotundamente falsas. Ao contrario, a maioría de aves acuáticas saen moi beneficiadas de que a lagoa se manteña aberta ao mar e con niveis medios-baixos de auga. Algo que se puido constatar nos datos dos censos de xaneiro, ou esta mesma primavera, na que o paso migratorio de aves limícolas foi moi numeroso, con varios milleiros de aves rexistradas.
Certo é que os niveis hídricos deste últimos días son esaxeradamente baixos, pero non é menos certo que as crecidas que experimenta a lagoa (habitualmente durante o verán) son bastante máis nocivas para o equilibrio natural da Frouxeira. Ao estar tan chea as acuáticas teñen dificultades para atopar alimento ou para repousar, e perden o refuxio que ofrece a vexetación palustre ante os predadores. Ademais a crecida pode chegar a destruír os niños das aves.
A información da que dispomos ata hoxe aconsella a intervención humana na apertura da canle, para evitar unha crecida anormal que asolague todas as zonas de xunqueira e canaveira, e que, ademais, aumenta de maneira brutal a diferenza entre os niveis máximos e mínimos da lagoa. Pois é precisamente unha lagoa aberta ao mar, con oscilacións moderadas de nivel, a que permite unha maior riqueza biolóxica. E o estado actual da barra dunar e da canle, alteradas hai anos pola actividade humana, non permite hoxe o funcionamento natural propio dunha lagoa litoral coma esta.
E mentres falamos da canle, as figuras LIC, ZEPA ou Ramsar, que ten A Frouxeira, non son dabondo para que a Administración impida as agresións que padece a diario: circulación de quads nas dunas, persoas con cans ceibes nas zonas de cría das aves, prácticas de kitebuggy na praia, invasión de turistas nas zonas de areal con aves migratorias, pesca furtiva con aparellos ilegais realizada pola noite, introdución de prantas exóticas, etcétera. O medio ambiente nunca é a prioridade, claro.