En Ferrol, ademais do Instituto, había colexios con sona (boa ou mala, iso é outra cousa), como a do Tirso, Dafonte, Masdías, Cervantes, Academus, Rapariz, as Mercedarias e a Compañía de María. Academus, na rúa Rubalcava, era do poeta Xosé María Pérez Parallé, pero pecháronlla no ano 1947 e, despois de pasar por varias mans, entrou a formar parte das instalacións da academia Rapariz. Tamén don Manuel Masdías perdeu o colexio que tiña na rúa Dolores, onde estaban as bodegas de Mateo e hoxe está o Supercor do Corte Inglés. Despois, asociado con Ramón Sánchez Dopico, tivo outros centros de ensino na rúa Magdalena e en Caranza.
En Ferrol había escolas públicas e outros pequenos colexios privados -algúns de persoas represaliadas na Guerra Civil-, como a de don Jesús e don Alfonso, na rúa María; a de don Gabino, na de Ánimas; a de don Olegario, primeiro na de San Francisco e logo na Praza Vella; ou a de José Luis Lorenzo Teibel, coñecido nos tempos de futbolista como Rurra, na rúa Espartero. E houbo un caso atípico entre os ensinantes: o do comandante de Mariña, don José Traba, que ía fóra do horario normal dar clases gratuítas á escola do pósito de Pescadores.
Ademais, en cada barrio había as escolas de cagóns, ás que asistiamos para aprender a ler, coñecer os números, e pouco máis. A de As gorrionas en Esteiro, a de Florita na rúa do Cárcere, as de Fina e Suca nas Casas Baratas, a de Merceditas na rúa Real, ou a de dona Paca, na Graña. Dona Paca e o seu home, don Francisco, debían de ser dos poucos carlistas que non aceptaron o Réxime porque os cagonciños da Graña, na vez de cantar o Cara al sol, cantaban Por Dios, por la Patria y el Rey.
Eu fun, con seis anos, á escola de don Justo e dona Carme, na rúa de San Fernando, en Esteiro. Dona Carme aprendíanos aos pequenos, e don Justo aos maiores que querían entrar de aprendices na Constructora. Entre os maiores recordo a Geluco Montero, que cando don Justo e dona Carme estaban fóra da aula, exhibía a potencia do membro viril erguendo a parte dianteira do pupitre, que non era nin pequeno, nin lixeiro. Tamén aos irmáns Orizales: Alejandro, que xogaba moi ben ao fútbol, e marchou de Ferrol; e Carlos, que se adicou á construción e logo puxo un psicotécnico, na rúa de Igrexa. Os pais tiñan un bar que se chamaba El Entreno, e Moreno, outro alumno habelencioso no debuxo e que foi despois delineante de Astano, fixéralles un cartel a cores que dicía: Sábados y domingos, callos en El Entreno. Carlos tivo despois o bar El Sur, na rúa Magdalena.
Os meus amigos da alma
Entre os pequenos estaban os meus amigos da alma Arturito e Alberto; e Pepucho -quen anos despois percorrería o mundo cantando e anunciándose como Pepe Romero, un dos grandes intérpretes que Ferrol deu á música lixeira-; e os sindicalistas Riobó e os Díaz, Xesús e Pepe, os xemelgos de Astano; pai e tío, respectivamente, da concelleira Yolanda Díaz. Na foto que ilustra este comentario, feita ante a porta de Carlos III, de acceso ao estaleiro, recoñezo a moitos máis: Poveda, Honorio, Adolfo, Fraguela, Germán, Lalo, Trino, Vergara, or irmáns Carballeira, os irmáns José Benito e Carlos, Ansoleaga, Curro, Santana, Rivera? A uns seguinos vendo; doutros nada sei desde que deixei a escola.
Contos de Saturnino Calleja
Para os pequechos, as clases eran un tremendo aburrimento, e dona Carme, compadecida, líanos ou mandábanos ler, de cando en cando, algún conto de don Saturnino Calleja, dos que viñan en formato pequeno, como agasallo, nas libras de chocolate.
Tamén mandaba cantar a Pepucho, enriba dunha mesa, usando a regla de trazar rectas no encerado como micrófono; e as tardes dos xoves poñíanos a radio para que escoitásemos a Joselín, un contacontos vigués, que fora alcalde de Baiona e emigrara a Arxentina nos anos trinta; e tamén un espazo de humor protagonizado por un personaxe de ficción, un neno coma nós, chamado Masiné de la Caña, que ía facer un exame oral ante dous profesores:
«Saque usted una bola del bombo», ordenáballe un deles. E Masiné, cunha voz atiplada, igualiña ao do meu amigo Alberto, respondía: «¿Del bombo? Perdone usted, señor profesor, pero no he traído el bombo; ni siquiera la flauta».
Cando por fin sacaba a bola e lle preguntaban que número era, respondía que non sabía dicilo, porque se o miraba por un lado era o 99, pero se o miraba polo outro era o 66. E despois que os examinadores discutisen entre eles, sen chegar a un acordo, e decidisen facerlle as preguntas que se lles fosen ocorrendo -ás que Masiné respondía sempre cousas sen xeito, pero con gracia-, cando tiña que dicir a táboa do 9, atascábase ao chegar ao 7 x 7 e advertía ao tribunal de que non podería seguir se non o acompañaba a música.
Entón todos cantabamos con el: 7 x 7, 49; 7 x 8, 56; 7 x 9, 63, y el que no lo sabe es que tonto es.
Pablito, durmido
Pablito quedaba todas as tardes durmido no pupitre e non espertaba por moi forte que o chamasen. Só abría os ollos e saía correndo cara a porta cando dona Carme dicía «Recoged», e cando na radio se oía a voz de flauta de Masiné de la Caña: «Aprended a cantar y sabréis multiplicar: 7 x 1 es 7; 7 x 2, 14?». Pablito abría un ollo, escoitaba e, non ben remataba a canción, volvía caer nun sono profundo.