«O que non é verdade, mesmo xoñada, xa non o sinto próximo»

La Voz

FERROL

Non publica, Cesáreo Sánchez Iglesias, con frecuencia. O cal non quere decir que escriba pouco. Máis ben, e por estraño que poida parecer, todo o contrario.

-¿E que está a escribir agora?

-Estou a escribir un poemario no que terá acollida a música que me formou. Quixera nel concretar moitos anos de sentir e reflexionar no meu caderno de música. E rematei un libro das miñas viaxes a Exipto.

-A estas alturas da vida, ¿que non o conmove xa?

-Aquilo que non é fillo da sinceridade, das emocións. O artificio literario, por moi efectista que sexa, se non está vulnerado pola beleza interior, non me conmove. O que non é verdade, mesmo soñada, xa non o sinto próximo.

-¿E que o emociona hoxe máis que antes?

-Emocióname cada vez máis a nudeza do sentir: todo aquilo que ten raíz, que nos achega aos segredos do sentir, que apreixa o efémero e que expresa a nosa dimensión máis interior. E emocióname, cada vez máis, o que fai vulnerable á tenrura.

-Como presidente dos escritores galegos, ¿cre que a creación literaria en Galicia recibe o eco que merece?

-Avanzouse na visibilidade social do escritor, mais aínda fica moito camiño por andar, sobre todo nos medios públicos. Algún día, a creación literaria volverá ter o peso social de quen é, por obra do idioma, a depositaria da nosa identidade como pobo. Eu, o mesmo que Antón Avilés, Uxío Novoneyra ou Manuel María, traballo en mudar a realidade para que o normal sexa poder vivirmos en galego.