«Hai que dotar ao Torrente Ballester dunha programación estable»

R. Loureiro

FERROL

Profesora da Escola de Belas Artes e comisaria dalgunhas das exposicións galegas máis celebradas dos últimos anos, afirma que «a cultura é patrimonio de todos»

08 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Susana Cendán (As Pontes, 1965) é a nova responsable do Centro Torrente Ballester, ao que quere converter «nun espazo de referencia para a divulgación da arte en Galicia». Profesora da Escola de Belas Artes de Pontevedra e da Escola de Moda, anteriormente estivo directamente vencellada ao Torrente cando ao fronte da Concellería de Cultura estaba Bonifacio Borreiros. E posteriormente comisariou, no mesmo centro, exposicións como a aínda recente A rebelión dos xéneros .

-¿Que é o que o Torrente precisa con maior urxencia?

-Precisa moitas cousas, porque hai algunhas que non se ven, pero que son moi necesarias. Por exemplo, arranxar as humidades e botar a andar de novo a calefacción dun xeito eficaz. Pero o máis urxente é que hai que dotar ao Torrente Ballester dunha programación estable.

-¿Cal vai ser a súa liña de referencia?

-Pois a liña fundamental será a que se condensaba en A rebelión dos xéneros. É dicir, unha liña que que unha pintura do século XIX poida dialogar coa arte máis actual. Non pretendo limitarme a propostas contemporáneas. Vai haber de todo, pero sempre buscando un diálogo entre distintas disciplinas e distintas épocas.

-¿Que lugar ocupa hoxe o Torrente entre os grandes espazos expositivos en Galicia?

-O Torrente en Galicia ocupa un lugar importante, pero o problema é que o centro carece dunha autonomía que lle permita ter un equipo estable de persoas que, aínda que cambie a dirección que ten ao seu fronte puntualmente, lle permita seguir funcionando. O que agora imos pretender é avanzar por ese camiño, aínda que lembrar que estamos no comezo do comezo. Estamos poñendo un gran de area para que no futuro os que veñan teñan máis fácil o camiño.

-O que vostede pretende, sobre todo, ¿que é?

-O que quero é que haxa conciencia de que un centro como o Torrente, cunhas posibilidades magníficas, non caia en baleiros como os do pasado; que non haxa que estar comezando de novo cada dous, cada tres ou cada catro anos, dependendo dos cambios políticos. A cultura é patrimonio de todos, e un centro como o Torrente é un ben marabilloso do que teñen dereito a beneficiarse todos os cidadáns de Ferrol.

-En Ferrol hai un público importante, por exemplo, para a pintura do XIX...

-Claro, e somos conscientes diso. Pero o máis fermoso é que nunha exposición como a de A rebelión dos xéneros púidose ver que ese público, que ama a arte clásica, pode chegar a vela doutro xeito ao relacionada coa arte contemporánea. Nós o que propoñemos son novas maneiras de mirar. A min gústame moito, por exemplo, o que no Centro Reina Sofía está propoñendo Borja Villel, coa colección: establecer un xogo de relacións, por exemplo, no que a obra de Goya se utiliza para introducir os espectadores na arte moderna.

-Goya, ademais, que xa é por si mesmo tan moderno sempre...

-Sempre, claro. Porque o bo sempre é intemporal. Brancussi é moi moderno, pero máis modernos aínda foron os escultores das cabezas das Illas Cícladas. E eu sempre entendín así as miñas clases da facultades, como un xogo de interrelacións entre o pasado e o presente. Non se pode entender o presente sen apreciar a arte dos nosos antepasados.

-¿Que posibilidades novas ofrece, como edificio, o Torrente, o antigo Hospital de Caridade?

-O Torrente ofrece todas as posibilidades do mundo, de xeito que imos ter varios espazos alternativas e ao mesmo tempo complementarios nun. Estoume referindo á Sala de Proxectos e á Sala Máximo Ramos. Igualmente, tamén faremos algún tipo de proxecto utilizando os fondos da colección para poñelos en valor e propoñer novas miradas, novas relecturas.

-¿Van continuar as visitas guiadas?

-Por suposto. E é un dos traballos máis importantes. Un traballo que non só ten que ver coa organización de exposición senón con que estas cheguen dunha maneira didáctica e asequible ao público, que é o que lle dá todo o sentido ao noso traballo.

-¿Que tal é a colección do arte do Concello de Ferrol?

-O Concello de Ferrol ten a día de hoxe o que poderiamos chamar o inicio dunha colección. Pero facer unha verdadeira colección é cuestión de tempo, de presupostos e de criterio. Aquí hai pezas individuais moi boas, pero unha colección require seguir unha liña clara.