O rexedor recoñece que o descoñecemento da lentitude da burocracia fíxolle ás veces xerar «falsas expectativas»
09 jun 2009 . Actualizado a las 12:44 h.Preside un dos dous únicos concellos da comarca nos que goberna o BNG -neste caso, en coalición co único edil do PSOE- e por iso di sentirse «raro». «Como a Galia de Astérix, todo rodeado de romanos», bromea. Secundino García Casal (Narahío, 1965) chegou hai dous anos á alcaldía tras doce na oposición e desbancando ao PP, instaurado no municipio durante dúas décadas. Agora recoñece que dende o goberno as cousas vense doutro xeito e non resulta tan doado como parecía facer as cousas. Malia todo, defende os novos aires que infundiu á política local a alternancia.
-¿Que balance fai destes dous anos?
-¡Que dous anos pasan moi rápido! Pero houbo cuestións que nos chamaron a atención, como o lenta que é a Administración, excesivamente burocratizada.
-¿Que aportou este novo goberno á política municipal?
-Garantiuse a alternancia. Parece que nesta zona se dá por feito que teñen que gobernar sempre os mesmos. En San Sadurniño demostrouse que con ilusión e xente disposta é posible dar o paso á alternancia. Con iso conseguimos abrir o Concello á cidadanía e cambiar o concepto de poder.
-¿En que sentido?
-Coa democratización do Concello. Unha das primeiras cousas que fixemos foi o regulamento de participación cidadá e os orzamentos participativos.
-¿Que obxectivos se conseguiron ata o de agora?
-Ademais de abrir o Concello á xente, que para nós era fundamental, distintas actuacións para recuperar o patrimonio municipal e pór as bases para outras, como a segunda fase do castelo de Narahío, que empezará proximamente, ou, no capítulo de infraestruturas, que se estea a rematar o saneamento da parroquia de San Sadurniño. Neste sentido, elaboramos o plan director para estender a rede a todo o concello, que custa doce millóns de euros.
-Faga autocrítica. Algo farían mal...
-Ao mellor un erro foi dar a sensación de que todo se podía facer máis rápido e dar falsas expectativas como froito da inexperiencia.
-¿Cambiarán as cousas para San Sadurniño agora que está o PP na Xunta?
-Queremos crer que non vai repercutir. O respecto institucional haino que manter, indpeendentemente de que gobernen uns ou outros.