Despois de 35 anos como mestra, o seu labor docente está a piques de rematar: xubílase en xuño; e desde ese momento, anuncia, dedicará todas as súas horas a «aprender»
16 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Poeta de longa e sólida traxectoria creativa e presidenta da Sociedade Cultural Medulio, Elia Rico viviu e vive para o ensino desde que, aos 23 anos, tivo o seu primeiro destino como mestra nunha escola da alta montaña luguesa, non moi lonxe do Cebreiro. Pero tras ter sido durante longos anos directora do colexio Cruceiro de Canido e presidenta da Coordinadora de Directores de Centros Públicos, e de continuar vencellada ás aulas incluso formando parte da corporación municipal, vaise xubilar. «Agora vou ter tempo para seguir aprendendo eu», di Elia, mentres confesa que vai botar moito de menos «tanto o trato cos alumnos como o trato cos compañeiros».
Natural de Seixosmil, na Serra de Meira, dun lugar cercano ao nacemento do Miño, Elia di que aínda que sempre levará dentro a súa terra natal, a día de hoxe Ferrol tamén é o seu fogar. E moi particularmente, o Canido ao que tanto lle quere. «Canido é o barrio da cidade que vive a un tempo no vento e no mar, que sempre o teñen dentro de si», apunta a poeta. «É unha verdaira pena, que en Canido se deixasen perder tantas cousas como se perderon. Alguén lles tería que ensinar aos urbanistas que non se pode borrar a memoria dos pobos. Mais, así e todo, o noso barrio conserva lugares marabillosos: o Cruceiro, a Tafona, vivendas de tipoloxía tradicional, hortas...». «Cando eu vin vivir a Canido -rememora-, era un barrio digno de ser amosado aos turistas, que é o que tería que ser hoxe se as cousas non se fixesen como se fixeron. Vías pombas polos tellados, sentías cantar os galos... A xente tiña unha relación persoal fantástica. Percibías que aínda que estiveses nunha cidade, aquí latexaba o corazón de Galicia». Aceptou formar parte da candidatura nacionalista ao Concello de Ferrol, pero aínda que di que seguirá como concelleira ata as próximas eleccións, non cre que o seu paso pola política vaia ir moito máis alá.
«Ignoro que ocorrerá dentro de dous anos -apunta-, pero de todas formas eu creo que o paso de un pola política sempre ten que estar limitado. Ten que vir outra xente, xente máis nova. A min paréceme que é bo que os cidadáns pasemos algunha vez pola política e que tratemos de levar ás institucións o mellor de nós, pero sabendo sempre que non é lugar para eternizarse. A vida é outra cousa. E hai que falar coa xente. Por iso me dan tanto medo os políticos que perden o contacto coa realidade».