«No Jofre nacín como actriz»

FERROL

Namorada dos escenarios, leva na alma a rúa do Hospital, as verbenas do parque e os paseos pola rúa Real; pero, se hai que elixir, quédase co teatro onde debutou

15 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O lugar escollido para a entrevista é como un augurio do que virá despois. «¿Que che parece se quedamos no Tupinamba?», propón Luma Gómez ao outro lado do fío telefónico. Tratándose dunha actriz, non resulta estraño que elixa o máis teatreiro dos locais da cidade para a cita. E tampouco sorprende que logo, xa sentada fronte a un café ben fumeante do Tup i, desvele que o seu curruncho predilecto de Ferrol é o teatro Jofre. Sen tempo aínda de preguntarlle o porqué, Luma adiántase cunha explicación do máis contundente: «O Jofre é o escenario máis importante da miña vida: nel comecei a facer teatro sendo afeccionada e a el regreso todos os anos a actuar... Podo dicir que alí nacín como actriz».

Cando regresa a ese anaco do seu pasado, a esta muller con media vida entre bambolinas ilumínanselle os ollos. O seu debut nos escenarios foi tamén a súa primeira vez no Jofre e por iso o recordo segue nítido na súa memoria. «Foi co Teatro Estudio do Concepción Arenal e fixemos As suplicantes , de Esquilo; lembro que foi algo bárbaro, estupendo e que eu quedei asombrada polo teatro, polos seus espazos, polos camerinos...», conta a actual presidenta da Asociación de Amigos do Teatro Jofre.

Naquel inicio do que logo sería a gran aventura da súa vida, a actriz -xunto a outras promesas como Elina Luaces- foi dirixida por un novísimo Eduardo Alonso, o home que máis tarde se convertería no seu inseparable e indispensable compañeiro. No amor, pero tamén na profesión. Con el foise a Madrid no ano 72; con el empapouse do chamado teatro independente na capital; e con el regresou a Santiago seis anos máis tarde para asistir a un alumeamento moi especial. «Ao chegar, Eduardo e máis eu creamos Teatro Andrómena, que, xunto a Entroido e Troula, foi o primeiro núcleo para o nacemento do teatro profesional galego», lembra Luma cunha chisca de melancolía.

Aqueles finais dos setenta non foron precisamente un camiño de rosas para as xentes da farándula. «Por aquel entón, a maioría das vilas e municipios aínda non tiñan centros culturais nin auditorios, así que tiñamos que actuar onde podíamos; en discotecas, nos locais das asociacións de veciños... Pero non nos importaba, porque estabamos facendo o que nos gustaba», di a presidenta da Asociación de Amigos do Teatro Jofre.

Ferrol era unha excepción. Porque tiña todo un señor teatro. ¡E que teatro! «A verdade é que o Jofre xa estaba moi mal, moi deteriorado, pero aínda así conservaba o sabor e o encanto dos grandes teatros», asegura a actriz.

Do Jofre de antes, a Luma gustáballe, sobre todo, o seu espectacular patio de butacas. Do actual prefire a súa caixa escénica -«que é máis grande»-, a súa «estupenda» dotación técnica, os novos espazos recuperados para o uso -como o baixo-cuberta-, ou os «fantásticos» camerinos dos actores. E se ten que elexir entre o vermello de antes e o verde de agora, a actriz non o dubida: «Gustaba máis o vermello, pero creo que o da cor é só un mal menor».

Aínda que opina que a oferta do Jofre mellorou moito nos últimos anos, como espectadora gustaríalle que houbese máis información: «O público -di Luma- ten que identificar con claridade que días da semana hai teatro e que outros días hai música ou danza... Tamén sería bo que os prezos das entradas se axustaran máis a cada tipo de público e facer moitas campañas de captación de espectadores».

Agora é mendiga

E como actriz, ¿que é o que pide Luma Gómez? Por raro que pareza, esta ferrolá de nacemento e compostelá de adopción confesa que non ten un personaxe soñado. «Eu teño a miña propia compañía (Teatro do Noroeste) e iso resulta un gran apoio, porque se creo nun proxecto ou nun texto determinado, sei que tarde ou cedo pode facerse realidade», advirte esta actriz polivalente, que agora recorre Galicia metida na pel dunha mendiga medio filósofa nunha versión moi urbana de Romeo e Xulieta .

Ademais dos ensaios -nos que lle gusta mergullarse e investigar-, a Luma tamén lle apaixona o contacto co público, a posibilidade de vivir outras vidas enriba dun escenario e, sobre todo, o moito que se divirte actuando. E cando conta isto, a actriz non está interpretando. É ela mesma. «Síntome afortunada», di Luma. E non fai falla que o xure.