Reportaxe | Os gandeiros da Capela teñen substituto A cooperativa do municipio do Eume presta aos seus socios un servizo que lles deixa respirar un pouco: se teñen que ir de viaxe ou a un recado, Ramón faise cargo do traballo na granxa
05 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?s gandeiros asociados á cooperativa de A Capela (son 260) son afortunados. De cando en vez ata poden collerse uns días de vacacións, ou ir tranquilamente a facer uns recados. Porque aí está Ramón García Calvo, para prestar o servizo de substitución que ofrece a cooperativa. Ramón vai de granxa en granxa botando unha man a quen o precise, ben por enfermidade, ou días libres ou porque hai traballo a esgallo. Polo seu experimentado dominio das tarefas agrarias os socios deben abonar á cooperativa seis euros por cada hora de traballo de Ramón. «De primavera a verán a veces non se da feito», explica o empregado da cooperativa. Agora, en maio, arranca para Ramón a temporada de máis chollo, coa recolleita da herba para ensilar. Tamén vai case todas as mañás a algunha granxa a ordeñar as vacas. Case todos os animais da Capela coñecen a Ramón, que leva once anos facendo as substitucións, e iso facilita moito o traballo e fai que os gandeiros teñan plena confianza nel. «É bo ter a alguén de confianza e que saiba traballar aínda que haxa que pagar un pouco», explica o xerente da la cooperativa, Víctor Sabín, quen revela que moitos gandeiros do resto da comarca solicitan os servizos de Ramón, pero non é posible, aclarou Sabín, porque para iso a cooperativa tería que contratar a un segundo substituto, o que non sería rentable porque durante a metade do ano apenas se require este servizo. Cando as granxas non o precisan, Ramón García traballa na propia cooperativa. O xoves pasado, sen ir máis lonxe, descargaba a palla procedente de León que logo se vende para toda a comarca. Ademais bótalle unha man a súa irmá que ten tamén unha explotación de vacas de leite na Capela. El é de alí, «nacín nunha granxa e por iso este traballo dáseme ben, aparte de que me gusta». Ramón pensou en traballar para el mesmo e montar unha explotación, pero como di, os tempos non están para aventurarse no cada vez máis complicado mundo do agro.