Onde Cedeira pon o ollo...

La Voz L.A.N. | FERROL

FERROL

Crónica | Os policías con máis puntería da comarca

27 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?in o Corpo Nacional de Policía nin a Garda Civil foron quen de superar, o pasado 15 de xaneiro, aos municipais de Cedeira na galería de tiro. Como cada ano, a policía local de Narón organizou un campionato de tiro policial en conmemoración da festa de San Sebastián, patrón da profesión. E os de Cedeira apuntaron como ninguén. Dezaseis policías de distintos ramos e concellos achegáronse ao campo de tiro de O Castro (unha parella de cada corpo) para disputar a cuarta edición desta competición de destreza ante a diana que tivo un marcado carácter local. Despois de pegar tiros contra os diferentes brancos na galería naronesa, os premios foron a parar, por equipos, para a Policía Local de Cedeira, seguida do Corpo Nacional de Policía e a Garda Civil. Sen embargo, na clasificación individual, un axente nacional, José Ramón Santiago Arias, demostrou ter a mellor puntería. Pero un municipal, neste caso de As Pontes, levou o segundo posto (Anselmo Peyón Augusto), e a terceira posición foi para o de Cedeira Gustavo Adolfo Saavedra. Con isto queda demostrado que, no que se trata de xogar en equipo, os de Cedeira levan as de gañar. E haberá que agardar ao vindeiro ano para que os demais concellos e os corpos estatais poidan coller a revancha. No torneo participaron, ademais dos corpos citados, as policías locais de Fene, Neda e Ortigueira, sen esquecer a Narón, que estivo representado por Benjamín Hermida González e por Carlos Carral Orjales. Para completar as celebracións, o concelleiro de Seguridade, Ramón Padín, e o xefe da policía naronesa, Eduardo Pita, entregaron os premios aos gañadores. E tamén houbo partidos de fútbol e outras actividades.