Entrevista | Vari Caramés Paso a paso, o creador ferrolán, que a semana próxima abre en Vigo unha nova exposición, vén de situar o seu nome entre as grandes firmas da fotografía europea
13 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.? mostra que o día 18 se vai abrir ao público na sala de Caixanova, na rúa Policarpo Sanz, itinerará despois por todo o país. Ao longo deste ano, as imaxes que compoñen esta nova colección de Vari Caramés (Ferrol, 1953), poderán contemplarse tanto en salas de institucións públicas como nalgunhas das máis prestixiosas galerías españolas. A serie leva por título Escenarios . -¿E por fin hai en España un mercado importante para a fotografía de autor? -Empeza a haber ese mercado. Tardou, si, e cousa vai lenta, pero segura. -En países como Francia, no que tamén se venden as súas imaxes, a situación é moi distinta... -Bastante distinta, efectivamente. Alí xa hai unha cultura fotográfica, unha tradición de mercar fotos de autor. Non hai que esquecer que é o país que inventou a cámara fotográfica, e alí é onde a día de hoxe hai máis museos, galerías, fundacións e coleccións dedicadas á imaxe fixa dun xeito monográfico. -Pero é curioso: nun tempo no que está tan presente a imaxe en xeral, no que a palabra ás veces parece verse postergada, a fotografía tampouco está a gañar desmasiado espazo como obxecto de culto. ¿Non? -Iso depende. O certo é que nunca se publicaron tantos libros de fotografía como agora. E a fotografía de autor págase máis que antes. Afortunadamente, está máis valorada. Eu vendo agora máis fotos que hai vinte anos, é así. Vai habendo, como che dicía, un mercado diferente. Todo está mudando. O que pasa é que a fotografía está deixando de ser un compartimento estanco. Se me preguntas en concreto polo meu caso, eu estou a me mover nunha fronteira, na ambigüidade na que o mundo da fotografía se achega ao da pintura. Afortunadamente, nada é o que parece. Vivimos nun mundo raro. A realidade é demasiado recalcitrante. Falta misterio. E falta poesía. ¡Estamos perdendo tantas cousas...! -¿Que cousas perdemos? -Pois perdemos inocencia. E o máis bonito que temos os seres humanos, que é a infancia, eses mundos da imaxinación e da sorpresa que son fundamentais para vivir. O día que perdamos por completo ese neno que todos levamos dentro, estaremos finiquitados. Hai que buscar solucións. -¿E a solución cal é? -Hai que manter a aposta pola sensibilidade, pola cultura, pola educación, pola conviencia, pola tolerancia... Todo iso vai xunto. -Unha pregunta inevitable: ¿a película de sempre, ou as cámaras dixitais? -Non teño cámaras dixitais. E non estou en contra desa ferramenta, que me parece interesantísima, pero a min gústanme as cámaras que levan rollo, ás que se lles pon a película dentro. Unha película que despois hai que revelar e vestir no laboratorio para obter a imaxe final. A min gústame a artesanía. -¿Cre que as novas tecnoloxías substituirán ese tipo de fotografía, ou é unha superstición moderna pensar que uns soportes varren a outros? -Son instrumentos diferentes e cada unha delas ten as súas posibilidades. Non sei se acabará por desaparecer a fotografía sobre película, pero desde logo espero que iso non suceda mentres eu viva. Ainda así, todas as tecnoloxías novas me parecen moi ben. Pero o que non pode ser é que porque exista Internet nos vaiamos poñer a pensar en deixar de fabricar bolígrafos. ¿Sempre se escribirá a man tamén, non...? Cada ferramenta é para un determinado obxectivo. -¿Que hai nesta nova serie, na que exporá en Vigo? -Para min Escenarios é unha continuación de Tránsito , que estes días está exposta en Palma de Mallorca, na galería Aba Art. Son fotos, estas novas, nas que intento camiñar polos lugares do que eu chamo a Zona Imaxinación , por eses sitios nos que temos a estraña sensación de que se vai materializar o espellismo. Son imaxes para a suxestión, que quizais se vexan mellor cos ollos pechados que cos ollos abertos. A min gústame chiscarlle o ollo ao espectador, que é algo que me sitúa precisamente tan cerca da pintura. A min non me interesa a obviedade, o que me interesa é a evocación.