Crónica | Curiosa desaparición de automóviles FERROL E NARÓN Os axentes municipais están a investigar que é o que leva a uns intrusos a roubar turismos e logo aparcalos nunha rúa próxima ás poucas horas. Sospeitan de que os usan para cometer furtos
08 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Nunha semana, a Policía Local de Fene tivo que lidiar cos estraños roubos de dous vehículos. E é que non foron furtos calquera, senón peculiares desaparicións de coches que, milagrosamente, ás poucas horas apareceron estacionados en rúas ben próximas a onde foran roubados e sen máis desperfectos que os derivados da clásica ponte feita para poder arrancalos sen as chaves. O primeiro caso tivo lugar o domingo día 30. Esa noite, unha moza fenesa denunciou a desaparición do seu coche, un Opel Kadett que estaba aparcado na rúa Fraga (ao lado do consistorio, en pleno centro urbano). O susto duroulle pouco a esta veciña fenesa xa que, horas despois, a policía daba co vehículo na avenida de Conces, nas proximidades da Casa de Cultura. O turismo aparecía, xa que logo, a poucos metros de onde fora roubado e perfectamente estacionado. Diversos furtos Xa nese momento, os axentes municipais sospeitaban de que o coche fora sustraído para cometer diversos furtos e que, á fin destes, se devolvera a unha zona próxima a onde fora collido. A hipótese cobraba vida, sobre todo, porque coincidía que na noite dos feitos se produciran pequenos roubos en establecementos da comarca. Ademais, aínda que soamente eran conxecturas, a policía tiña xa no punto de mira a un sospeitoso. Unha persoa que, segundo se puido saber, leva pouco tempo residindo no centro urbano fenés. O curioso do caso é que, tras ese primeiro roubo, a operación repetiuse este último fin de semana. Outro veciño do municipio denunciou a desaparición dun Ford Scort en Perlío. E, novamente, onte pola mañá, poucas horas despois de terse tramitada a denuncia, o coche aparecía cun pequeno golpe nunha porta pero ben aparcado nunha rúa da mesma parroquia. Así as cousas, a policía segue investigando estes sucesos. Os axentes xudiciais xa colleron as pegadas precisas e non se descarta que haxa detencións. E é que, aínda que nada está claro, todo apunta que os actos os cometeu a mesma persoa.