«O noso modelo é exportable ao conxunto da comunidade»

La Voz L. A. N. | NARÓN

FERROL

Entrevista | Xoán Gato Díaz

04 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O alcalde de Narón afanarase por completo para levar o máis alto posible o que el denomina «a cuarta vía política» da autonomía galega. Así llelo transmitirá a toda a comarca a través dunha presentación oficial de Terra Galega (TG) esta tarde, ás 20.00 horas, no auditorio do recinto ferial de Punta Arnela. Sen embargo, o rexedor avanza xa algunha das claves que seguirá esta formación que califica como «de centro e galeguista». -¿Hai espazo en Galiza para esta nova formación? -Penso que si. TG tratará de cubrir ese oco que deixa unha alternativa nacionalista esgotada e que non ten forza suficiente para facer presión no Parlamento do Estado. E fai falta alguén que mire pola comunidade. -¿Pensa que TG pode chegar tan lonxe? -Non a curto prazo. Partiremos montando os cimentos dende o municipalismo e veremos a acollida que ten a iniciativa nas vindeiras eleccións locais. -¿Cal será a oferta do partido para sobrepasar ao resto? -A do emprego e da economía. As enquisas din que a principal preocupación dos galegos é o paro, do mesmo xeito que o resto de España, pero despois está a situación económica, mentras que noutros sitios están a seguridade e o terrorismo. Estos datos son moi reveladores. -¿Onde está a chave para solucionar estos problemas? -Temos que conseguir unha demanda forte dos galegos para que non se expolien os nosos recursos. Hai moitos sectores que están sen explotar en Galicia, e non se dan facilidades aos emprendedores locais. Se podemos aproveitar as nosas fortalezas e debilidades teremos moito que dicir ao resto de España. -¿Pensa imprimir o modelo de xestión de Narón á política autonómica? -O noso modelo é exportable ao conxunto da comunidade. Narón ten demostrado que é unha illa dentro dunha comarca na que se perden postos de traballo e habitantes. Aquí sucede o contrario, e esta experiencia pódese transmitir a outras administracións e outros niveis. -¿Imaxínase sentado no Parlamento galego? -Non o contemplo. Son moi municipalista, pero aportarei todo o que poida ao partido.