PROFESOR E ESCRITOR Vén de publicar un novo libro, no que hai moito da súa memoria, e confesa non sentir nostalxia ningunha da política
27 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Eduardo Fra naceu en Ponferrada en 1946, e mantén moi vivos os vínculos coa súa terra, pero leva trinta anos como profesor do Concepción Arenal, e di que sen Galicia non podería entenderse a si mesmo. -Se hoxe mira atrás, ¿que ve? -Que o tempo pasa moi rápido, pero que eu tiven sorte. Estou contento co que fago. Son afortunado. Fíxenme mestre cando o ensino xa non tiña os salarios da fame doutros tempos, e creo que habito unha boa época, na que o noso país evoluciona ben. -Vostede, que é do Bierzo, foi pioneiro, desde o Concello de Ferrol, na demanda de que Galicia dese «todo o seu apoio aos galegofalantes de León, Asturias e Zamora». ¿Cre que se esqueceu o seu traballo? -Non sei se xa se esqueceu o que eu fixen, pero non me importa. Tamén cometín moitos erros. Non sinto ningunha nostalxia da política. O único que creo é que hai que saber entenderse, e iso é fácil se as cousas se fan ben. Cunha visita protocolaria, con algo de amabilidade, a proposta de apoiar aos galegofalantes de Extremadura non tería agora o rexeitamento que ten no goberno daquela comunidade. O diálogo sempre é fundamental. -Acaba de publicar unha novela en castelán, «El merendero de la señora Oliva». ¿Que escribe agora? -Una obra de teatro en galego.