DENDE ESCANDOI | O |
03 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.É CURIOSO, SI: a crenza no que non vemos ou no que non vemos con frecuencia -naquilo que a miúdo só intuímos, aínda que a veces o sintamos tan cerca-, axuda a que nazan, alomenos na imaxinación, seres sorprendentes. E dígolles isto porque teño un amigo, polo demais moi serio, que leva anos empeñado en demostrar que a NASA xamais conseguiu mandar un home á lúa, cousa que por outra parte non lle discuto -tampouco diso sei nada-, se ben non podo deixar de preguntarme ónde botarían tantos días escondidos aqueles Apolos que todo o mundo vía despegar con eses astronautas a bordo que despois caían ao mar enlatados naquelas cápsulas tan pequenas. (Pregúntome iso, ónde se meterían os astronautas todo aquel tempo, e pregúntome tamén, como xa fixeron outros, e de non ser verdade o das viaxes á lúa, que a ver quén foi capaz de trampearlle ao goberno americano todo aquel diñeiro.) O caso é que a este amigo meu, ao tempo que descré das viaxes á lúa de xente da terra, estalle dando por coleccionar fotos de ovnis. Unhas máquinas de andar polo aire que lle parecen de bastante máis posible existencia, e sobre as que eu -pobre de min- tampouco teño absolutamente nada que dicir, malia que non deixa de parecerme estraño que se alguén vén ata aquí cruzando o espazo exterior desde tan lonxe, despois, ao chegar ao noso planeta, e en vez de dicir polo menos cómo se chama, non faga máis que esconderse detrás dos montes ou ocultarse polo medio das silveiras. (O que pasa é que todo iso é bonito, claro. Quizais na necesidade de soñar estea o verdadeiro segredo.) Tamén hai quen cre moito nos fantasmas. E nos espíritos que se manifestan con voces raras e que -mira ti- sempre falan no mesmo idioma que o que pregunta por eles. Espíritos, todos eses, polo visto moi afeccionados a meter medo a quen os chama, pero que nunca dan dito nada de proveito. A min fáiseme raro que algúns dos que cren no espiritismo cegamente, e agora estou pensando noutra persoa, digan despois que en Deus si que non cren ¡Que non vexan como Noso Señor fala cada día non só desde os ollos dos vencidos, senón en cada sorriso dun neno! En fin, cousas... Tamén as teñen os pequenos. A miña nena, por exemplo, cre moito nos gnomos. Pero raposos si que di que non hai, que o de comer galiñas non pode ser certo.