Crónica | Xornada de irmandade en Mondoñedo A Cidade da Mitra dedicoulle un ano máis á súa cidade irmá o día grande dunha das máis vellas feiras do mundo, da que lembra o tempo no que se consagrou a catedral
18 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.?anda a tradición que no Día Grande das San Lucas, cando Mondoñedo celebra unha das feiras máis vellas do mundo, chova nada máis amencer. Pero onte a mañá veu sen auga, e non chovía cando chegaron á Cidade da Mitra os concelleiros de Ferrol co alcalde, Juan Juncal, ao frente, coa xunta directiva do Toxos e cos cidadáns que, en tres autobuses, se desprazaron tamén alá. E anotar isto -o de que non chovía- puidera parecer gratuíto, pero tratándose de Mondoñedo, e de día de feira, ben sabe Deus que non o é. No grande día dos cabalos, paga a pena que o sol ande polos tellados. Alomenos, mentres a feira e feira. Ata a hora de xantar. Porque se na mañá do Día Grande das San Lucas, como aconteceu onte, as nubes se apiadan dos que se achegan a Mondoñedo para ver os cabalos, un ten ocasión de andar as rúas en seco; por exemplo, mentres agarda a que empecen os actos institucionais. E así, pode ver que a catedral parece neste tempo máis dourada que en ningunha outra estación do ano, coma se as súas pedras imitasen a arboreda das fragas que rodean a cidade. Unha cidade na que de cada vello muro, coma nun milagre, brotan escudos fidalgos, brasóns que falan de vellos cuarteis. Recepción Desde que Ferrol e Mondoñedo se irmanaron, o Día Grande das San Lucas está dedicado a Ferrol. E por iso, o primeiro que fai a corporación mindoniense é recibir os representantes do axuntamento ferrolán. Así foi tamén onte: o primeiro acto oficial foi a recepción no Concello. Un Concello ao que tamén se achegou uns minutos, para saudar as dúas corporacións, o bispo Sánchez Monge, el sempre tan afectuoso con todos, que ía camiño da igrexa de Santiago para presidir a celebración da misa maior. Durante a recepción no axuntamento mindoniense, aoalcalde de Ferrol, Juan Juncal, falou de seguir consolidando os lazos que unen ás dúas capitais da diocese, a Cidade das Luces e á Cidade da Mitra. Falou de impulsar a creación cultural, de preservar as tradicións... E falou tamén de canto necesita a Galicia do Norte unha rede de autovías, vías rápidas e trens de alta velocidade que permitan, dixo o rexedor ferrolán, non só vertebrar este territorio, senón conectalo co resto de España, con Francia e con Portugal. Coa literatura Unha vez rematada a recepción, as dúas corporacións municipais trasladáronse ao auditorio, onde se entregaba, da man do Toxos e Froles, a primeira edición do Premio Letras de Bretaña, que nesta ocasión foi para Darío Xohán Cabana. A partir deste ano, Mondoñedo e Ferrol alternaranse no acto de entrega do galardón. Pero fallar, fallarase sempre en Mondoñedo. O 23 de Nadal, en memoria da data na que naceu Cunqueiro. (Un, onte, tamén aproveitou para irlle facer unha visita, ademais de á Virxe dos Remedios, de tan fermoso e avogoso santuario, ao Señor Cunqueiro, que está no cemiterio vello da cidade, como el quería, nunha tumba que xa é, para tantos, a meta dunha peregrinación. Mais esta vez case non había ninguén no cemiterio. Lástima dunha flor)