Lúa de milagres

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

16 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

SI QUE É CERTO: a lúa sempre vén nestas datas moi dada a prodixios, con tendencia a facer milagres. Eu lembreime esta mañá de que así era... Nestas horas tan fermosas nas que un está feliz despois de saber que a República de Francia vén de nomear a un dos máis grandes poetas de Galicia, César Antonio Molina, o título de Cabaleiro das Letras e das Artes. E acordóuseme, xustamente, ao recibir, dende a Bretaña desa mesma Francia, unha preciosa tarxeta na que outro poeta extraordinario, Claudio Rodríguez Fer, me contaba que na vella lingua dos celtas o que aquí chamamos Fisterra alí se chama O Comezo do Mundo , que máis ben parece un verso, a inspiración dun bardo. (Ademais antonte, ¿saben?, en Santiago, no que antano foi un mosteiro, onde se inauguraba unha exposición dedicada a Merlín, don Xaime Isla púxose a ler a dedicatoria que Cunqueiro lle fixera nun libro, e grazas a el don Álvaro volveu a través da noite para falar de mareas e de illas, e dos que dan esmola en nome de Deus Noso Señor. Foi outra maxia. E eu, claro, hoxe, a vostedes, quería contárllelo.)