En directo | Consagración episcopal na Cidade da Mitra Manuel Sánchez Monge, que esta mañá fai a súa entrada en Ferrol, elixiu un poema de Noriega Varela para encomendarse, na súa homilía de onte, á Virxe dos Remedios
23 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.?oito voaban onte as anduriñas sobre a praza da catedral de Mondoñedo, mentres Sánchez Monge , o novo bispo, o sucesor de Gea , recibía a ordenación episcopal. El, o prelado, citaba un poema de Noriega Varela , na súa homilía («Santiña», lle chamaba o escritor á Virxe), para encomendarse á Nosa Señora dos Remedios, patrona da diocese. E as anduriñas seguian voando, coma se xogasen co vento, mentres aínda non se apagaran os ecos das campás. (O das campás da catedral mindoniense, o dos sinos, non é contalo, é sentilo, podelo ver. Onte tocaba a Paula , tocaba a Petra , tocaba a Prima , tocaba a Ronda , tocaba o Esquilón ...) Había máis de medio século que alí non se celebraba a ordenación dun bispo (a anterior foi Souto Vizoso , alá polos anos corenta). E da consagración dun prelado para a propia diocese - Vizoso fora auxiliar de Santiago, e despois titular de Palencia- nin memoria quedou. Entre os asistentes había centos de ferroláns: estaban o alcalde accidental, Juan Fernández , que encabezaba a delegación institucional; a deputada autonómica Marta Cerdido , os concelleiros Lorenzo Luque e Amador Rodríguez Silvar ... E estaban, tamén, o almirante do Arsenal, Francisco Cañete ; o máximo responsable de Caixa Galicia en Ferrolterra, Gonzalo Rodríguez-Tenreiro y Romero-Mella ; confrades das distintas irmandades da Semana Santa, a comunidade relixiosa que se ocupará do mosteiro de San Martiño do Couto , catequistas, monxas, sacerdotes, seglares da práctica totalidades das parroquias. E os gaiteiros do Toxos e Froles , que puxeron a música na procesión (vintecinco bispos e máis de douscentos cregos) que acompañou ao prelado dende o Seminario até a praza da basílica. Entretanto, as anduriñas -xa se dixo- voaban e voaban o ceo, sen parar. As pombas que aniñan pola catedral, en cambio, miraban a ordenanción dende os tellados de lousa. Había, entre elas, unha pomba distinta, unha mensaxeira perdida, que acababa de chegar. E alí quedou, coas súas novas irmás. ¡Poucas veces luciran tan fermosas coma onte as vellas pedras da catedral...!