A un bispo que vén de camiño

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

23 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

XUSTAMENTE dentro dun mes, cando o novo bispo de Mondoñedo-Ferrol, o palentino Sánchez Monge, sexa ordenado na praza da catedral mindoniense, a diocese vai vivir unha cerimonia ben pouco frecuente. Tanto, que a anterior ordenación episcopal que alí houbo -quitando que eu me equivoque, cousa que por outro lado pasa bastantes veces- foi hai máis de medio século, e tratouse da do bispo Souto Vizoso, natural da parroquia naronesa de San Martiño do Couto, que ía ser, primeiro, auxiliar de Santiago, e máis tarde titular precisamente de Palencia. (Ata non hai tanto, como vostedes saben, o habitual era que os bispos non recibisen a ordenación episcopal na diocese da que se ían facer cargo, senón na catedral do seu lugar de procedencia. E iso fai que, a día de hoxe, pareza non ter quedado memoria, nas terras ferrolás-mindonienses, de cando se viu, antes, recibir os atributos da súa dignidade, a un prelado que viñera facerse cargo do báculo delas.) Di este bispo novo -crego e profesor, por certo, moi querido na súa Palencia- que cando el estivo en Ferrol, hai xa anos, chamoulle a atención a vitalidade das súas asociacións; e que a basílica mindoniense, a que será -conxuntamente con San Xiao- a súa cátedra , parécelle un fermosísimo monumento. Tamén di que quere aprender, canto antes, a falar galego... E eu, se fose quen para facelo, pediríalle, ademais, que non esqueza que a diocese á que el vén -esta na que sacerdotes e laicos son un exemplo de entrega-, aínda non sendo nin grande nin rica, non é unha diocese calquera. Porque é a que garda a memoria dos primeiros bispos bretóns: dos que trouxeron a mensaxe de que a Deus pode un miralo nos ollos dos vencidos... se quere velo. (A terra que Noso Señor camiña en moi diversas figuras, onde as xentes de Mailoc labraban peixes de pedra.)