A Manolo «o de Barallobre»

Siro López FERROL

FERROL

Crónica | Unha lembranza O xornalista, escritor e debuxante ferrolán Siro López fai un recordo do tardofranquismo xunto ao seu amigo e compañeiro fenés Manuel López, recentemente falecido

18 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Era Manuel López, pero todos o coñeciamos por Manolo o de Perlío ou Manolo o de Barallobre . Fomos amigos dende un día do ano 1973, no que veu verme para dicirme que era directivo do Círculo do Perlío, responsable da área cultural, e que estaba disposto a organizar as actividades que eu lle propuxera. Manolo era moi miope e tiña a voz afogada das persoas que nunca aprenderon a emitila, pero vía e falaba claro; moi claro. Entendémonos de contado. El levaría á xunta directiva o calendario de actividades propostas, e eu sería o seu axudante para organizalas e presentalas. Fixémolo así e o Círculo de Perlío converteuse na sociedade cultural máis dinámica de Ferrol e o entorno. No Círculo dixo Beiras, quizais por primeira vez en público, que a solución para Galicia pasaba polo socialismo, deixando petrificados aos dous números da Garda Civil, que actuaban como delegados gubernativos, e provocando máis dun retorzón de tripa na numerosísima audiencia. Todos os actos do Círculo mobilizaban á roxería de Ferrol e dos concellos limítrofes, pero pode que ningún como o recital de Uxío Novoneira no ano 74. Unha hora antes da anunciada para o comezo, o salón de actos estaba cheo. Uxío, excitadísimo, procuraba serearse no bar coa axuda de Elba, a súa muller, e dalgún güisqui. Cando chegou Mario Couceiro para lle facer unha entrevista, díxolle que naquel momento non podía, que estaba concentrado no recital, e citouno para o remate do mesmo. Na primeira parte leu poemas de Pondal, que nunca soaran máis épicos; na segunda leu poemas seus. Cando anunciou o Réquiem por Daniel e Amador o silencio era absoluto; un silencio que pareceu delongarse indefinidamente porque Uxío ficaba calado, incapaz de falar. Por fin a súa voz fermosísima percorreu o salón coa potencia dun cíclope galego: «Erguéstesvos cedo aquel día -a costume do traballo- mañá-cediño pra facernos ca vosa morte». A emoción contida estoupou nunha ovación estrondosa e interminable, e todos soubemos que estabamos a vivir un intre inesquecible. Uxío, sen tempo ao sosego, rematou berrando a Letanía de Galicia , entre aplausos e voces que facían o coro e medraban en cada verso. Ao remate estaba tan canso e alterado que nin atender puido a Mario Couceiro. Tamén Manolo estaba escangallado. Pasara todo o tempo do recital encostado contra a parede do fondo, e coa emoción fórase erguendo nas puntas dos pés, e nin andar podía. O 19 de nadal do 1974 houbo no Círculo un recital do poeta Salvador García-Bodaño. Era requisito imprescindible que os poemas a ler recibisen o nihil obstat do Goberno Civil, pero naquela ocasión un dos poemas veu censurado. Era o titulado 25 de abril , adicado á recente Revoluçao dos cravos , que levara a democracia a Portugal. Por algunha razón nunca explicada a notificación da censura desapareceu e García-Bodaño leu o poema, que foi celebrado como era de esperar. Os delegados gubernativos cumpriron coa súa obriga, o poeta foi multado, a noticia provocou abraio en Europa, e o timidísimo Salvador convertiuse durante semanas en protagonista de medios de comunicación de varios países. Cando Espiral Maior quixo publicar unha antoloxía da obra de Bodaño, non apareceu o poema 25 de abril . Salvador comentoumo, eu falei con Manolo, que conservaba toda a documentación daqueles anos, e o poema foi incluído no libro cunha nota a pé de páxina, na que o autor conta a peripecia do poema e me agradece a súa recuperación. Como en tantas outras ocasións o recoñecemento non foi para quen, en verdade, o merecía. Estou certo de que no camiño á democracia tiveron enorme importancia homes e mulleres da condición de Manolo o de Perlío ; loitadores anónimos, calados e humildes, que se sentiron relizados co traballo na sombra, e satisfeitos cos aplausos que recibían os demais. O pasado día 10 enterramos a Manolo no camposanto de Barallobre. Estabamos moitos amigos, pero seríamos moitos máis os presentes de saberse que el fora o quen fixera posibeis tantos actos que nos axudaron a vivir aqueles anos escuros con ilusión e esperanza.