En memoria de todos

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

13 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

EN MEMORIA de todos, si. En memoria de Ana Belén, de José Luis, de Juan Carlos e de Eduardo, dos catro mortos (que terrible palabra, mortos, de que maneira rompe o seu eco a alma) do último accidente de Navantia. E tamén en lembranza de todos cantos morreron antes en parecidas e igual de terribles circunstancias. (Permítanme vostedes que alce a miña voz -non polo que a miña voz poida valer, que non vale nada, senón porque sei que somos moitos os que sentimos dentro do corazón as mesmas palabras-, e que diga que non o entendo, que nada hai que poida xustificar estas traxedias, semellante horror, que non acabo de saber cando chegará por fin o momento de berrar, todos: ata aquí chegamos.) Non pretendo eu, Deus me libre, falar de culpables. Nunca quixen estar entre os que xulgan, xamais aceptarei semellante encargo, pero non podo deixar de preguntarme -de preguntarme tamén- a que se espera para poñerlle fin a todo isto, que é o que fai falta para que o traballo non sexa unha tumba voraz que agarda. ¡Tanto século XXI , tanta tradición industrial , tanto valor engadido , tanta tecnoloxía de vangarda (todas esas frases feitas, de discurso, que tan pouco significan: todo ese conto para nada) e segue habendo tantas vidas arrincadas de raíz, tantas familias destrozadas....! (Eu quero alzar a voz, entre tanto horror, e vexo que non sei facelo, que ningunha cousa que poida dicir servirá de nada.) Permítanme, outra cousa non sei facer, que lembre, só, aqueles versos de Lorenzo Varela que din « Semente do azar primeiro/ centella inmóvel de terra/ si latexara o teu peito... » (En memoria deles, si. Mortos pero xamais esquecidos, para sempre recordados.) Deus os teña ao seu lado.