Campás na Fraga de Caaveiro

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

10 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

NON SEI se volverá ter campás, cando se acabe a restauración, o mosteiro de Caaveiro. Xa case vou supoñer que non, que quedará sen elas. Pero aínda que sexa así, aínda que non as teña, non me estrañaría nada que algún día se sintan tocar -ha de ser, seguramente, nalgunha tarde de néboa- chamando a coro aos moi ilustres e moi doctos e máis ou menos piadosos coengos que alí moraban noutros tempos, e que sen dúbida agora, en canto a rehabilitación do edificio remate, han volver reunir o seu venerable capítulo, con certa frecuencia -malia que leven tantos anos mortos, por máis que as súas sombras non se vexan-, entre os rexos muros de pedra. Aínda que tamén podería ser, por que non, que as campás que non hai, se escoiten a algunha hora distinta, quizais á beira da noite e nese caso máis ben en tempo de inverno, tanxer a morto, movidos os seus badais pola ánima -polas mans de aire- dalgún antigo sineiro. (Sendo así tocarán, sen dúbida, pola alma pecadora dalgún dos moitos cabaleiros de lanza e escudo que, despois de ter mil falcatrúas feitas, deixaron mandado que os seus ósos recibisen sepultura na igrexa daquela umbría, onde sempre quedaba algunha luz acesa.) O que pasa, miren, é que case dá un máis en pensar que se por fortuna se escoitan esas campás na Fraga do Pai Eume, agora que vai revivir Caaveiro, será de mañá, con repenique de festa. E puidera iso ser, ocórreseme a min, cando a sombra dalgún bravo prior, tan transparente coma a do negro cabalo no que el cabalgará con aires de conde de guerra, atravese o río a galope, tersas e rubias as longas trenzas e a capa ao vento, e crea ver, ao lonxe, outra sombra máis: a do vello San Rosendo. (Será, talvez, o día que comecen a florecer as cerdeiras.)