Hoxe recibe sepultura en Madrid, no cemiterio da Almudena, Javier Torrente Malvido, cuarto fillo de Gonzalo Torrente Ballester e da súa primeira esposa, Josefina Malvido. Javier Torrente, si, sempre tan xeneroso, que lle quería a Ferrol con loucura malia que el, a diferenza dos seus tres irmáns maiores, non nacera nesta cidade, senón en Santiago, na Compostela que seu pai soñou labrada con música de campás. (Javier, que durante anos traballou como editor para a casa Guadarrama, e que desempeñou, ao longo da súa vida, todo tipo de oficios, pero que quizais fose ese, o de editor -realmente, ¿quen pode dicilo...?- o que o fixo máis feliz.) Falaba de seu pai continuamente, tíñao presente en cada hora do día, coma se non puidese coa ausencia, coma se non lle marchase do pensamento nunca, e quería que fose en Ferrol onde se gardasen as cousas que del lle quedaban, entre elas -se un non recorda mal, desculpen a emoción- un borrador, e quizais algún esquema de traballo, do que finalmente acabaría por chamarse, para sempre, La saga/fuga de J.B. (Un, nesta hora triste, acórdase de Javier -que non era quen parecía, como seguramente tampouco o sería don Gonzalo, todos somos máis dunha persoa cada vez-, e case o está vendo de novo, cunha gabardina doutro tempo, sempre tan semellante a eses personaxes de rara bohemia -a eses Churruchaos desencantados- que seu pai soñou, camiñando en silencio as rúas molladas pola chuvia, nun París no que, por certo, tantos anos viviu el.)