Noso Señor dos Camiños

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

13 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

CONTADO ESTÁ, efectivamente, pero xa que Basilio Losada -de quen Casares dicía que era (só coa súa voz de catedrático solemne e cos seus claros ollos de neno, coa maxia herdada das terras de Láncara e sen necesidade de papel ningún) o mellor narrador de historias do mundo-, vai vir a Ferrol no mes de xullo para pronunciar a conferencia maxistral do cincuentenario da publicación de Merlín e familia , téñolles que pedir hoxe a vostedes que me deixen recordar aquel día tan fermoso, na raia entre Asturias e Cantabria, no que eu lle sentín contar como se lle aparecera Deus, sendo el ben neno, nas terras de Lugo nas que naceu. A Basilio, si, téñolle eu sentido outras moitas historias marabillosas -nun congreso celebrado en Inglaterra deixou a todo o mundo coa boca aberta explicando cómo foi aquilo de que en Brasil, durante varias horas, o levaran detido dende o aeroporto e lle botaran a culpa de querer secuestrar un avión, eu non podía parar de rir-, pero ningunha tan bonita coma esa primeira que lles dicía, non. (Ningunha tan fermosa coma a de Noso Señor, en figura de esmoleiro ancián, pedindo unha cunca de caldo polas portas e rezando, polos defuntiños de cada casa, unha oración) Basilio -vostedes xa o saben, tamén...- posúe boa parte das máis prestixiosas distincións académicas que se conceden en Europa e en América. E dende Alemania ata nese Brasil no que un día o tiveron preso unha tarde enteira, as universidades consideran a súa presenza unha homenaxe e un regalo, unha inmensa honra para todo o país. Pero eu estou seguro -a ver se o conta, de novo, cando veña a Ferrol- de que para el non houbo nin haberá xamais maior agasallo que ter visto a Deus nunha casa de Láncara. (Telo visto, e falar con el)