OPINIÓN | O |
07 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.ESTES DÍAS a comarca de Ferrolterra, e máis en concreto a cidade de Ferrol, está visualizando algunhas das moitas necesidades, non atendidas coa necesaria celeridade, polos gobernos locais, autonómicos e estatais, con competencias en materias que afectan directamente a nosa vida diaria. Pero certo grupo político, con responsabilidades de Goberno no ámbito local, autonómico e estatal nos últimos 8 anos, mira a Ferrol como unha parcela de propiedade estatal, sen ninguna vinculación co resto de Galicia. Por iso non bota en falta as actuacións no ámbito local, nin no ámbito autonómico. Lamentablemente Ferrol non é o único espazo invisible para o PP. Moitas cidades, comarcas e lugares de Galicia carecen de política industrial, de emprego ou dinamización económica. En Ferrol temos especificidades para poñer en valor e deixar de mirar atrás afrontando con seriedade o noso futuro. Se, ata o de agora, a dependencia do impulso estatal provocou que a nosa mirada sempre fora hacia Madrid, debemos, sen renunciar a esa necesaria colaboración, mirar hacia Galicia con visión de futuro e vocación de aportación ao desenvolvemento, definindo o noso rol no arco atlántico, o papel do noso porto exterior, a nosa posición na rede de cidades e que recursos e actuacións son necesarias para facer efectiva esa aportación. Falta de interese da Xunta Creo sinceiramente que as ferrolanas e os ferroláns, conscientes da nosa capacidade de traballo, queremos contribuír ao progreso de Galicia, pero non vexo, por parte da Xunta, interese en incorporar Ferrol ao conxunto de Galicia. As actuacións do Goberno galego foron na dirección contraria, así a decisión unilateral da Xunta de cambiar o trazado da Transcantábrica, inda non foi compensada coa vía de alta capacidade. A construcción dun porto exterior sen accesos, e o engano e connivencia do Goberno galego co anterior Goberno central sobre a situación real dos asteleiros nos ten levado á situación de por en perigo a propia existencia deste sector industrial, no conxunto de España e tamén de Galicia. Entendo que o reto de Ferrol non é mimetizar as nosas orixes como cidade, senon o futuro e abordalo de xeito inmediato dende a colaboración institucional e a necesaria pedagoxía xerando ilusión e confianza na cidadanía e nos axentes económicos. Non coa inútil demagoxia e catastrofismo, que só conduce ao debilitamento da nosa posición e ao inxusto estrés cidadá. Non somos unha illa, e estamos en condicións de posicionarnos no conxunto de Galicia, de España e de Europa. Porque hoxe temos en España un Goberno disposto a contribuir na complementariedade das actuacións locais e autonómicas, un Goberno que vai cumplir con Ferrol, pero un Goberno que precisa dun pequeno marxe de confianza para atallar os atrancos de moitos anos. Os socialistas galegos garantiremos estas actuacións e traballamos para acadar un país acorde cos retos do século XXI, dende a colaboración das administracións en beneficio da cidadanía e non en clave de confrontación electoral, para abordar o futuro de Ferrol e de Galicia. Claro que Ferrol ten futuro, pero debemos impulsalo entre todos.