DENDE ESCANDOI | O |
15 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.UN BO AMIGO, bo coñecedor desas matemáticas que para min foron sempre un dos maiores misterios do universo, regaloume nunha ocasión as fotos que el tomara deses debuxos que, segundo os expertos en tales materias, os seres de ultratumba trazan nos muros cando queren transmitir ao mundo dos vivos unha desas estrañas mensaxes que ao final non hai quen entenda. Teño que confesar que, a pesar de todo o empeño que puxen, nas fotos aquelas non conseguín ver debuxo ningún -el dicía que había un galo e un vello coa boca aberta e a cabeza dun carneiro-, e que todo se me quedou en pura parede. Pero iso, sen dúbida, sería por culpa miña, pola miña impericia para acceder ás escuras manifestacións do ultraterreo. O caso é que, como el quedara un tanto desilusionado pola miña insensibilidade para aquel achádego de tan fantasmal natureza, e para non decepcionalo máis, dirixímonos os dous, un sábado pola mañá, ao lugar no que apareceran os misterios debuxos. Tampouco alí vin nada, como estaba temendo, pero el recuperou o entusiasmo: «Marcharon todas as teleplastias -díxome-. Estas si que se moven, e non as caras de Bélmez». O meu amigo, e ben que lle doe, agora está lonxe. Tívose que ir, igual que tantos outros aos que non lles quedou máis remedio que ir buscar un futuro onde llelo ofrecen. Casou alá. E acaba de ser pai dun pequeno. Eu mándolle libros. El, correos electrónicos. A morriña faille dano, pero non o conta. (Si me conta, en cambio, que segue coas investigacións paranormais, e o outro día mandoume a gravacion dunha voz do Máis Alá. A min, a verdade, moito do Máis Alá non me parece. Di: «Queremos ter luz, máis luz...». Pero está ben que en Alemaña haxa ánimas que falan galego)