O Samaín e a luz dos nenos

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

30 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

CONFORME A UN llen van pasando os anos -non sei se a vostedes, xa me dirán, lles ocorre o mesmo-, tende a collerlles máis cariño aínda a aquelas festas que están pensadas para os pequenos. A festas, claro, coma o Samaín que se celebra hoxe en Cedeira. Contan os que saben desas cousas, que este tempo, o dos cabazas cheas de luz, que tamén é o das castañas primeiro enfiadas e despois cociñadas de diferentes maneiras, leva dentro de si -aquí igual que en Irlanda e o mesmo que na Bretaña de Francia, son dous exemplos mar por medio- a maxia dos días nos que o ciclo da vida se fai especialmente presente; eses días nos que o vento do outono, tan dado a nostalxias pero tamén a renacencias, xa anuncia o inverno. (Deses días, quérese dicir, que dende mañá xa se poderán chamar propiamente os dos Santos e nos que a parroquia dos vivos recorda a cantos xa saben o que nós aínda ignoramos; os días nos que se lembra, en fin, non sei se me explico, aos que marcharon para o Trasmundo: a cantos habitan o Alén e nós xa non vemos, ou alomenos non vemos con frecuencia.) E seguramente será así, estes días un espello de moi antigos soños, da esperanza de que haberá unha hora na que todos, os que son sombras e os que antes ou despois o seremos, nos reencontraremos por fin... Pero aínda que nada escape á roda do tempo, non querería eu falar tanto das vidas que se acaban coma das que empezan. De todos eses neniños e neniñas que esta tarde -nesa Terra de Cedeira na que se cruzan os camiños todos cantos existen-, coas súas cabazas cheas de luz, alumearán o maior dos tesouros, o futuro. (Eu estou convencido de que nos seus corazóns brillará daquela, feliz, unha estrela.)