Os segredos das estrelas

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

08 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

NON SEI se a vostedes lles pasa o mesmo, pero eu, que cando vivín nun terceiro non me podía asomar ás fiestras porque tiña medo, sempre sentín unha auténtica fascinación pola carreira espacial, e sobre todo polos seus moi heroicos comezos, por proxectos coma o Mercury. Xa saben que hai un par de días morreu Gordon Cooper, e lémbrome agora del porque esta mesma mañá (para cando me lean a mañá de onte, xa me entenden), mentres eu lles botaba pan a unhas troitas que vou visitar cando teño tempo, vin unha foto del, unha foto na que el sorría dende o seu traxe espacial e en branco e negro, na folla de periódico que envolvía un feixe de flores. (Ás veces as casualidades fan curiosas homenaxes, é certo) Cooper, que non só voou na sexta e última misión do programa Mercury, senón que máis tarde volvería ao espacio como un dos tres tripulantes da nave Geminis V , tiña os nervios tan templados que nunha daquelas ocasións, mentres agardaba a que o seu cohete despegase cara ao ceo, quedou durmido no interior da cápsula. Famoso por conquistar non só o espacio («Vostede e máis eu temos o mesmo problema», parece que lle dixo un día, na Casa Blanco, J.F. Kennedy, ao sentilo falar de mulleres»), cando eu recordo agora cántas veces escoitei contar que cerca de onde viven esas troitas amigas que eu lles dicía, estivo unha vez de visita nunha casa, nos anos setenta, un astronauta -disque ía de viaxe a Alemania, e que parou unhas horas aquí para visitar a parenta dunha consogra súa, casada en América (a consogra, claro) cun xeneral do exército-, gústame pensar que quizais fose, se non o propio Cooper, quizais, por exemplo John Gleen, e que sabería moitos segredos das estrelas.