?aberá agora cincuenta anos, don Álvaro Cunqueiro desvelaba, nun dos seus artigos de La Voz, que andaba dándolle voltas a un libro sobre Merlín e os seus encantamentos. Ese libro era, claro, Merlín e familia , inmarcesible proba -despois virían As crónicas do Sochantre - de que esta Galicia do Norte nosa é unha Bretaña máis, quizais a última de todas: un lugar no que se xuntan, coma nun soño, os sendeiros da terra, do mar e do ceo. Un lugar, xa se ten dito, máis grande nos corazóns que nos mapas, un país feito de sentimentos. Agora, co irmanamento, Ferrol e Mondoñedo renderán homenaxe, por fin xuntos, a don Álvaro, que tanto pedía reabrir o Camiño á Cidade dos Barcos, á do seu amigo Gonzalo Torrente Ballester. (E quizais eles dous, lapis en man, sorrirán hoxe, alá arriba, entre a luz das estrelas, no Río Branco do Firmamento.)