DENDE ESCANDOI | O |
13 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HAI QUEN afirma que ser invisible debe de resultar moi divertido, que o feito de que non te vexan -nin sequera cando parecen mirarte- abre as portas de emocións infinitas. Pero un ten a convicción, en cambio, de que iso é unha boa pena, unha verdadeira lástima. E proba diso, de que de divertido, nada, son as consecuencias para Ferrolterra -e para toda esta Galicia do Norte que precisa volver ter un gran motor industrial nesta comarca-, de que os gobernos se empeñen en non vernos, por moito que aparezamos mapas. A Galicia que vai dende a desembocadura do Eume e do Xuvia ata a o Eo, a única que dá a dous mares, xa foi sistematicamente maltratada ao longo dunha historia na que sempre se potenciou o desprazamento dos eixos industriais cara o sur. Mais, polo que parece, hai cousas que non cambian. Aínda así, esa Galicia da que falo, no pasado século tivo en Ferrolterra un verdadeiro xacemento de emprego. ¿Cantas familias viñeron traballar aquí dende comarcas coma as da Terra Cha ou a Mariña Luguesa, por poñer só dous exemplos...? Darlle un novo golpe á economía ferrolá é segar o futuro dun territorio que vai moito máis alá das lindes da nosa comarca. ¿Non é certo, acaso? Que o Goberno, a día de hoxe, non aclare qué vai pasar coa antiga Astano, ten unhas consecuencias que non acaban onde polo visto pensa quen está para gobernar, non para sepultarnos. E que non se facilite o nacemento dese porto exterior de Caneliñas, chamado a ser o motor económico da Galicia do Norte, é -¿que pode dicir un sen ofender a ninguén?- unha auténtica... barbaridade. ¡Pero claro, non nos ven...! (Que pena, a invisibilidade)