DENDE ESCANDOI | O |
24 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A RENUNCIA de Gea Escolano á Mitra desta Galicia do Norte, do que hoxe é á Diócese de Mondoñedo-Ferrol, vai deixar vacante, en canto o Papa acepte a marcha do bispo -tamén pode suceder que se lle pida que continúe uns anos máis sen xubilarse, pero non é habitual-, unha sé episcopal que ocupa un lugar de honra na historia de Europa: a que ten a súa orixe, vostedes xa o saben, na chegada, a estas augas, daquel Mailoc bretón que no ano 572 xa asistiu ao segundo concilio de Braga, onde se prohibiu, creo lembrar, o culto das estrelas. (Alí debeu coñecer Mailoc, por certo, se é que non o coñecía antes, a San Martiño de Dumio, que na súa célebre Carta ao Bispo Polemio fala de Xúpiter dicindo que «era un mago tan cargado de adulterios que tivo por esposa á súa propia irmá Luno», e que recomenda evitar a soberbia por ser, máis que un defecto do carácter, un camiño que conduce ao inferno.) Houbo aquí, ao longo de tantos séculos, dende mitrados que afundían naves viquingas a forza de avemarías, ata bispos moi guerreiros. E incluso, xa no século XVI, aquel Frei Antonio de Guevara, o que acompañara a Carlos V na súa viaxe a Inglaterra, que foi o máis lido de todos escritores do seu tempo. Pero volvamos ao rego: Gea di que non sabe quén o sucederá, que el querería «un home santo». E quizais sen esperar tanto, o que si se podería pedir é que veña quen non esqueza que Noso Señor quixo falarlles aos homes coas palabras dos homes, e que a Igrexa ten que estar, insubornablemente, do lado dos indefensos: dos pobres, do vellos, dos enfermos, dos perseguidos e dos nenos. (Eu, se me preguntasen, e por aquilo de imbricar a fe en todas as culturas como din o cardeal Ratzinger e o Papa, querería, ademais, que sexa de Galicia... e que exerza de galego.)