Un espello da Ilustración

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

18 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ERA O ESPERADO, pero iso non fai menos digno de mención o feito de que todos os partidos representados na corporación ferrolá votasen onte xuntos para que a cidade vaia estar vencellada de maneira permanente, a partir de outubro, e a través dos investigadores de Icomos, a esa Unesco que ao final decide qué vai ser e qué non vai ser patrimonio mundial. E o mérito, na miña modesta opinión, non só reside nos contidos do acordo -que tamén-, senón no espírito que o sustenta, no convencemento de que as sociedades avanzan cando se traballa con xenerosidade, coa certeza de que o que en verdade importa non é o que un poida ser ante os demais nin ante si mesmo, nunca ante o propio tempo, senón o que deixará detrás. Ferrol, e así o di unha das voces máis autorizadas da Unesco, Nuria Sanz, é unha utopía feita realidade, o espello da Ilustración. Ante o mundo enteiro. E iso, por camiñar xuntos. Porque os soños, cando son de moitos, acaban por ter razón.