A capa do Nobel e un cumpreanos

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

11 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

SARAMAGO, que estivo en Ferrol en varias ocasións -unha delas, sen dúbida a máis recordada, para virlle dar o último adeus a Don Gonzalo, a ese seu amigo que lle prologou Memorial do convento e a quen el comparou con Cervantes: aquela xornada triste na que o Nobel portugués atravesou a concatedral cuberto cunha longa e negra capa-, vai volver á cidade. Será no outono que vén, para falar no curso sobre Narrativa Contemporánea que dirixirá Ponte Far; un curso que permitirá escoitar a algúns dos mellores escritores da Península, como Luis Mateo Díez, Antonio Pereira («Yo ya no quiero estar con vosotros, que después se os quiere tanto...», di Antonio, meu amigo), Millás e Rivas, e a catedráticos como Darío Villanueva, que a día de hoxe é, se mo permiten, o mellor crítico literario de España. O curso, por certo, non é para falar de Torrente -que seguramente a el tampouco lle gustaría; polo xeral, nos grandes creadores hai pouco de vaiade-, senón de qué contar nos libros, e sobre todo da mellor maneira de contalo. Non parece mala idea iso de ver qué facer, e cómo facer, cando se ten un papel e un lapis, con esa grande creación do home -con ese inmenso tesouro, case nunca valorado- que son as palabras. E en verdade é moi fermoso que o retorno de Saramago se anuncie en vésperas do aniversario do nacemento de quen foi, para el, un narrador tan admirado... É que Don Gonzalo, xa saben, naceu un día de San Antonio, de San Antonio da Cabana, talmente coma o de mañá. Así que, tamén mañá, case estaría ben irlle levar alí, a Serantes, unha flor ou algo. Ata os xenios sen vaidade agradecen que se acorden do seu cumpreanos.