Aquelas campás saudando o día

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

18 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

EN SILLOBRE disputouse, durante case vinte anos, un maratón popular que despois de subir ata alturas de máis de trescentos metros -pasaba polo coto de Marraxón- baixaba ao fondo do val do Sá, que é case coma dicir que ao nivel do mar. Nas últimas edicións, xa había sempre máis trofeos que participantes. E nin sequera a crecente tendencia a deixar que os corredores atallasen algo, sen outro requisito que colarse discretamente, logrou salvalo da extinción. Un atleta moi coñecido, que participou despois de moito insistirlle, ao rematar a proba pronunciou unha frase que era coma un cristal transparente, e que resumiu para sempre a súa opinión: «Aínda que isto se celebre a partir de agora en homenaxe a meu pai -dixo el-, non me colledes noutra: xúrovos que na puñetera vida volvo aquí». Aquel maratón, como lles digo, extinguiuse, e non sei se revivirá; ogallá que si, porque era digno de ver. Pero o que seguro que terá continuidade, e que xa naceu con moita maior participación, foi o que se celebrou o luns na sociedade Agarimo: un maratón de lectura. Entre os textos que se leron nel estaba a Alba de gloria de Castelao, na edición que o Centro Galego de Bos Aires publicou, no cabodano da súa morte, para que non se perdese nunca aquela fermosa e estremecedora conferencia que el pronunciara un 25 de xullo. Eu pregúntome qué pensarían aqueles homes e aquelas mulleres alá na Arxentina, tentando imaxinar con Castelao, dende tan lonxe, cómo as campás de Santiago saudarían no ceo de Galicia un día tan fermoso. ¡Quen sabe canta daquela xente non regresou nunca...! Deus queira que, alá onde estean todos, saiban que os seguimos levando no corazón.