Entrevista | Kerry McKewitt
31 mar 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Acaba de chegar como lectora de inglés no campus de Ferrol, pero Kerry McKewitt (nada nos Estados Unidos e con ascendentes irlandeses) é dende hai anos unha embaixadora da cultura galega nas illas británicas. Un exemplo é a edición crítica da nova publicación de Galaxia da traducción do Ulises de Joyce que fixo Otero Pedrayo. -Dou clases de inglés na Escola Politécnica Superior en Esteiro. E acabo de rematar e defender a miña tese que se titula Leabhar Gabhála, Yeats e Joyce: a recepción e tradución das obras irlandesas en Nós e A Nosa Terra en Galicia (1918-1936) . Teño uns artigos pendentes, un sobre cine galego e outro sobre Terence MacSwiney e Yeats. -¿Continúa outras investigacións? -Estou a empezar un proxecto novo sobre Gonzalo Torrente Ballester, a identidade e a imaxe de Galicia (especialmente Ferrol e Serantes) nas súas obras. Tamén quero identificar as súas fontes, por exemplo Alvaro Cunqueiro, que foi un bo amigo del, e os mitos célticos, e como as emprega, e por que. Un destes dias espero que poida empezar unha tradución dunha obra galega¿ -¿De que maneira inflúe na literatura galega unha obra coma o Ulises? -Mais que nada abre novos camiños. O que demostra é que non hai nin regras nin límites no campo de literatura. -¿Cal é a percepción que se ten de Galicia dende o mundo universitario británico e nos EE. UU? -Dende o mundo universitario británico hai unha percepción moi positiva. Hai moita xente investigando temas relacionados con Galicia. Debido ós centros dos estudios galegos en Inglaterra e Irlanda todo vai crecendo e, mais importante que nada, mellorando. E, aínda que era pouca coñecida Galicia nos Estados Unidos, vai cambiando porque van medrando os intereses das universidades, os profesores e os estudiantes. Penso eu que dentro dun pouco veremos novas iniciativas e novos proxectos doutro lado do mar. -A súa relación con Ferrol (a túa quero dicir) foi medrando cos anos... -Porque namorei desta terra. Teño uns vínculos moi importantes e persoais aqui. Vai seguir medrando. -¿De onde vén a súa devoción por Galicia? -Por amor desta terra e a súa cultura. E, dende logo, a lingua. -¿Que lle parece Ferrol como cidade? -É unha cidade acolledora que ten unha historia moi complexa, moi interesante. O que máis me gusta aqui son a proximidade do mar (aínda que temos un muro bloqueando a nosa vista) e as praias. O que non, a construción destes edificios feísimos por toda Ferrolterra.