DENDE ESCANDOI | O |
05 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.MARCHOU ONTE, a primeira hora da tarde, cando aínda era case mediodía. Tabucchi deixou Ferrol, en apresurado camiño do aeroporto, tras xantar, tamén correndo, nun restaurante dende o que se vían polas ventás eses cementos pintados de colores cos que Ucha debuxou un lugar que non se parece a ningún outro, unha cidade sen igual. Tras recuperar -non lembrara onde o deixara- un caderno no que escribira a man o que serán varias páxinas do seu próximo libro, Antonio apurou, contando cómo nacen as novelas, os derradeiros minutos no Ferrol ao que veu lembrar que a verdade non ten donos, que as endogamias só producen monstros, e que a liberdade é o maior dos tesouros, algo que ninguén se debería deixar quitar. (Un inciso: aínda que no xornalismo falar en primeira persoa sexa un pecado que non queda nada ben, permítanme felicitar a Chavós e a cantos fixeron posible que estivese en Ferrol un dos máis grandes escritores vivos, un firme candidato ao Nobel; un autor que cambiou a literatura, xa saben, qué lles vou contar.) Fala Tabucchi, por certo, un galego fermosísimo, que é coma unha viaxe pola alma antiga da súa segunda lingua, o portugués. E é moi fermoso tamén sentirlle dicir cánto lle doeu non poder chegar a coñecer en persoa a Carlos Casares, cánto lle quere a Manolo Rivas, e cánto ama el esta terra na que di que non remata Europa, porque o que fai Europa aquí é comezar. Tivo que marchar a toda présa, xa lles dixen. «Hoxe quero perder ese avión», repetía sorrindo. E case era verdade, miren. Pero marchou, claro. Tiña que ir a Portugal de novo, para poder ver a súa filla antes de regresar a Italia. Á hora na que escribo isto, xa estará alá. Seguramente, mentres o avión se achegaba, Lisboa, coma en Afirma Pereira , resplandecía. (Eu penso que si.)