TRIBUNA | O |
26 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Hai un mes que o pleno do Concello de Valdoviño se comprometeu a repoñe-la conciencia e o sentido común dos que gobernan, xa que iniciaron os pasos para restaura-lo Consello de Participación Veciñal de Valdoviño que, «ilegalmente ilegalizou» o anterior alcalde de nome que non quero nin lembrar. Regresa á vida social e política o «foro» de encontro das sensibilidades veciñais das oito parroquias, o «marco» onde recoller a opinión directa dos veciños e das veciñas -sin esconderse tras siglas políticas- sobre as prioridades da xestión municipal, para saber, en información non adulterada, ata onde poden chega-los nosos gobernantes para conquerir un maior grado de benestar dos que vivimos no Concello ou o visitamos en épocas de descanso. Durante estes case catro anos de «desterro institucional» o movemento veciñal estivo unido, actuando coordinadamente, nas gardas médicas (PAC), na aposta por unha regulación sobre telefonía móbil, mun regulamento sobre a racionalización forestal, nos Encontros de Asociacións do Concello de Valdoviño... Por fin, parece que se lle dá un puntapé a esas formas de xestiona-lo Concello, do «porque si» da discriminación interparroquial. O movimento veciñal, representado nas asociacións culturais, deportivas, recreativas, de consumo e sociais, teñen moito que opinar e moito que escoitar ante o Plan Xeral de Ordenación Urbanística, ante a necesidade dun incremento sostible da riqueza, do emprego, da sanidade, do ensino, etc en Valdoviño. Remato, aproveitando este espacio para agradecer ós concellais de CV, PSOE, BNG e UVDV o esforzo a desenvolver para recupera-la credibilidade das políticas municipais ante os gobernados e, felicita-los por apostar decididamente pola continuidade do CPV. En Valdoviño xa volta a claridade.