Palabras ferrolás en Inglaterra

FERROL

Reportaxe | Un idioma sen fronteiras Os sociolingüistas Gabriel Rei-Doval, Craig Patterson e Kerry Mc Kevitt fan de Mugardos unha ponte pola que a lingua galega viaxa ata Birmingham e Oxford

16 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Tres dos máis novos sociolingüistas que traballan alén mar polo futuro da lingua galega teñen en Mugardos os seus «cuarteis de verán». E, máis concretamente, na casa familiar do primeiro deles, o doutor Gabriel Rei-Doval, que naceu no lugar do Baño, estudou no instituto Concepción Arenal e na Universidade de Santiago de Compostela, completou a súa formación en Inglaterra e agora exerce a docencia en Oxford. Un ano máis, Craig Patterson chegou onte, para pasar as vacacións, á casa de Gabriel -situada, por certo, moi cerca do lugar no que desembarcou, e onde esvarou nunha pena, a raíña Mariana de Neoburgo-, mentres Kerry Mc Kevitt se encontra en Santiago de Compostela realizando un traballo de investigación del Centro Ramón Piñeiro. «Kerry non está aquí agora, porque as súas obrigas a reteñen en Santiago -explica Rei-Doval-, pero si que pasará o próximo curso en Ferrolterra, porque vai ensinar inglés no campus». «Traballar con ilusión» Rei-Doval, dende a perspectiva que lle aporta a distancia, fai un chamamento a traballar a prol da lingua galega «coas mellores armas que cada un ten, que son o esforzo e a ilusión». O sociolingüista mugardés sinala que «é certo que existen problemas», e que «afirmar que o galego non está a perder falantes sería pechar os ollos ante a realidade», pero cre que iso, antes que desanimar, debe servir de estímulo para «buscar solucións», e non para o contrario. «Porque é que ás veces -sorrí o profesor- algúns utilizan eses argumentos... ¡como eles queren!».