O verme da memoria | Por Siro
12 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.a. Despois de xantar e de botar unha soneca, meu pai púñase en pé e todos os veciños -duascentas ou trescentas persoas- axuntábanse ó seu arredor para escoitar o recital de poemas cómicos de todos os anos e que empezaba con El borracho y el eco, de Francisco Añón. Meu pai recitaba: Noche oscura y silenciosa, tan achispado iba Antón que cayó de un tropezón en la senda barrancosa. Echa un recio juramento diciendo: ¿Quién se cayó? Y en la pared del convento el eco resonó: E aquí trescentas voces berraban a coro: Yooooo. E meu pai seguía: Mientes, fui yo el que me caí y si el casco me rompí tendré que gastar pelucas. O coro: Lucaaas E meu pai: No soy Lucas, voto a bríos, que nos vamos a ver los dos presto, señor farfantón. O coro: Antóóon. O poema era longuísimo e daba tempo a que se achegasen, curiosas, moitas outras persoas descoñecidas, algo que eu non podía aturar e marchaba. Sempre había algún neno que me preguntaba: -¿Ese señor é o teu avó? E eu respondía, de mal xorne: -Non. A min non me é nada. Neguei a meu pai moitas máis veces cás que Pedro negou ó Nazareno. Meu pai morreu e non me deixou máis herdo có sentido do humor, que me permitiu vivir desta profesión que amo. Facer humor é gratificante porque quen fai rir, faise querer. Hoxe penso no que riría meu pai se vise a Topacho, Manoliño Churrero, a Champana, Piñón, Maruxiña, e tantos outros desherdados da fortuna, protagonizando unha exposición na Galería Sargadelos para conmemorar os 50 anos de La Voz en Ferrol, costeada por unha entidade bancaria tan importante como Caixanova. Non me digan que non é unha boa humorada.