Unha flor de cemiterio

FERROL

TRIBUNA | O |

12 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NO PANTEÓN de Roma, onde xace o corpo de Rafael de Urbino, amence cada mañá -como se agardase pola chegada dos turistas, sempre disposta a ser fotografiada-, unha rosa de olor. Unha flor que está igual de fresca sexa cal sexa o día do ano, allea ós calendarios e ás estacións. Algúns din -xa se ten contado- que a pon, cada mañá, un empregado do Concello. Pero outros prefiren pensar que o que xuran as pedras da cidade é certo: que esa flor a leva, antes de que abra o día, dende hai tantos séculos, unha princesa á que a dor non lle deixa marchar do mundo, porque o corazón se lle desfixo para sempre cando morreu o pintor. En fin... Qué día, este, de nostalxias. Don Gonzalo -xa se di nesta mesma páxina, noutra información- cumpriría hoxe 93 anos. De feito os cumpre, alá onde el está. Felicidades, pois. A celebración, que durará tres días, é en Santiago, nun pazo de portas verdes cunha xanela que mira á Torre Berengaria -parece que a un non lle cadra chamarlle Berenguela- , onde se escoita cómo lle van dando forma á cidade, baixo a néboa, as campás da catedral. Alí estará Pepe Ponte, que tanto sabe de Torrente. E o profesor Basilio Losada, que me ensinou -perdón pola primeira persoa do singular- que «a lingua galega é única cousa que os galegos fixemos xuntos en mil anos». E o meu amigo Víctor Freixanes. E Viqueira, que leva Lisboa no corazón... (Quén me dera poder ir alá. Será unha marabilla. Unha marabilla... compostelá.) Benvido sexa todo, claro. Pero aquí, no cemiterio de Serantes, Deus queira que apareza, coma no panteón de Roma, e á mesma hora, alomenos unha flor.