¿Que solución propón para o barrio de Recimil? A única solución real é a rehabilitación. O seu derrube, legalmente, é inviable e sería un atentado urbanístico. Queremos facer de Recimil unha Área de Rehabilitación Integrada, o mesmo que A Magdalena e Ferrol Vello. O proxecto, valorado en máis de 15 millóns, inclúe actuar sobre as cubertas, elevándoas e construíndo trasteiros, a remodelación dos canóns das escaleiras e as fachadas, a instalación de elevadores... ¿Onde habilitaría novo solo industrial, como e canto? O PXOM xa contempla zonas que nun futuro se poden transformar en solo industrial, pero non en Mandiá. Deberáse rendibilizar ó máximo toda a infraestructura e superficie do porto exterior, que é un lugar prioritario. ¿Que rúas peonalizaría e en que momento aproximado? De aquí ata o 2007, a medida que as Áreas de Rehabilitación Integrada vaian avanzando na reurbanización, avanzará a peonalización. Quedarán como peonís as rúas lonxitudinais da Magdalena, agás a do Sol e da Igrexa, e a maioría das de Ferrol Vello. Neste proceso é importantísimo a potenciación do transporte público, e reforzar o anel de aparcadoiros disuasorios. ¿Onde construiría máis párkings, cando e con que capacidade? Procuraremos a ampliación do da praza de Armas a tres plantas e a finalización dos das prazas de España e do 8 de marzo. Promoveremos outros en Ultramar, en Esteiro (zona do pavillón), na parcela do Sánchez de Aguilera e na nova praza das estacións.