«Escribir é unha demanda interior,a inexplicable necesidade de contar»

FERROL

JOSÉ PARDO

Rosa Aneiros acaba de publicar outra novela, «Resistencia»: unha sorprendente e conmovedora metáfora sobre a opresión ambientada no Portugal da dictadura

22 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

?on vintesete anos xa ten gañado, entre outros premios, o que leva o nome de Ricardo Carballo Calero. Na actualidade compaxina un intenso labor literario co seu traballo como xornalista no Consello da Cultura Galega. -¿Como xorde a idea de escribir unha novela sobre a loita contra a dictadura portuguesa? -Hai dous veráns estiven de vacacións nos lugares nos que transcorre o libro: a Marinha Grande, San Pedro de Moel, Leiría, Nazaré e, finalmente, Peniche. Impactáronme moitísimo, especialmente o Pinhal do Rei, esa extensión inmensa de piñeiro bravo que se mandou cultivar coa intención de sacar a madeira para a construcción das naos que percorreron medio mundo nas expedicións portuguesas do medievo. Tamén me impactou aquel Atlántico aberto en canal. E en Peniche descubrimos un museo no que, ademais doutras moitas salas, reconstruíron parte do cárcere para presos políticos. Alí tiveron durante décadas e décadas os presos da dictadura, primeiro na época de Salazar e despois na de Marcelo Caetano. Tal e como está rehabilitado, amosa as salas do parlatorio onde os presos se comunicaban cos seus familiares, a reconstrucción das celas, a biblioteca na que collían os libros, e tamén varias estancias con documentación incautada ós detidos. Unhas cartas que o preso Dinís Miranda escribiu ás súas fillas namentres estivo no cárcere chamáronme moitísimo a atención. -¿Que había nelas? -Eran uns contos ilustrados preciosos que non lle permitiron enviar fóra da prisión por medo a que levasen mensaxes clandestinas. -E vostede... -A partir de aí decidín construír unha historia de ficción, pero que que respectase o máximo posible a verdade das xentes que viviron esa situación penosa. Foi un sabio consello que me deu o señor Álvaro Cunhal, a quen está dedicado o libro e co que teño unha débeda persoal moi grande, e que quixen seguir ó pé da letra. Todo foi ir tirando dun fío narrativo e a construcción dos personaxes e das situcións veu un pouco soa. Iso si, precisei moita documentación, tanto escrita como de persoas que viviron as situacións que se relatan en Resistencia . Creo que o de escribir unha historia sobre Portugal non foi unha decisión libre e voluntaria. Máis ben diría que Portugal me escolleu a min. -A literatura como vocación, o xornalismo como profesión... ¿Onde está o punto de encontro? -Eu creo que hai un nexo, e que ese nexo é importantísimo. De feito, cústame moito establecer barreiras entre unha disciplina e outra. Cando falamos de xornalismo falamos de suposta obxectividade e realidade. Cando falamos de literatura falamos de suposta parcialidade e de ficción. Eu non creo neses límites estrictos. Creo que ámbalas dúas realidades se mesturan constantemente: a literatura contamínase de xornalismo, e viceversa. Todos escribimos sobre o real nalgún momento, e moitas das historias que acontecen na realidade superan amplamente a ficción que imaxinamos. Ademais, cómpre ter en conta algo fundamental: a literatura e o xornalismo empregan a mesma ferramenta, que é a palabra. E coa palabra recreamos a realidade ou creamos a ficción. -¿Dende a perspectiva que lle aporta o seu labor no consello, que futuro lle augura á cultura galega? -Un bo futuro, se cremos nela. Todo é cuestión da fortaleza que teñamos para preservar a que herdamos e da fortaleza que teñamos para creala de cara ó futuro. A cultura é algo vivo, que construímos día a día. En canto haxa xente que queira loitar porque a nosa siga vivindo, segurá con azos abondo. Hai moita xente nova facendo cousas realmente boas. Cómpre asumilo e defendelo como unha responsabilidade conxunta de todos. -E eses rapaces, dos que vostede fala, os da súa xeración, ¿que actitude están tomando á hora de recoller os rasgos identitarios de Galicia? -Creo que algúns están moi identificados con eses rasgos, e outros menos. Estamos nun momento bastante duro a nível laboral e social, e isto tamén provoca que a xente nova teña outras preocupacións na cabeza que o meramente identitario. Cando a inestabilidade económica é grande, outras cuestións quedan relegadas a unha segunda instancia. Con respecto á lingua, a perda de falantes é evidente. Sería importante que houbese políticas de normalización lingüística que achegasen a lingua ós rapaces como un vehículo normal de comunicación no que poidan expresar todo o que viven. Se non actuamos rápido, estaremos falando dunha lingua museo. E as linguas só se entenden como vehículos de comunicación entre as persoas que as comparten. -¿Que cre que que lle garda a vostede o futuro? -Non teño nin a menor idea. Cada día é unha folla dun libro. E non creo nos proxectos a moi longo prazo. -¿Que a move a escribir? -Para min escribir é unha demanda interior, a inexplicable necesidade de contar. É crear, é inventar outras realidades distintas. ¡Eu procuro non cavilar moito en por qué o fago...!